Sobresido o caso do tren desencarrilado no Porriño: culpan á "imprudencia" do maquinista

O tren, accidentado ao seu paso polo Porriño, percorría o traxecto Vigo-Porto (Foto: Europa Press).
O convoi saíu da vía en setembro de 2016, nun accidente que a Xustiza apón "en exclusiva" ao condutor.

O Xulgado de Instrución número 2 do Porriño acaba de acordar o sobresemento provisional da investigación sobre o desencarrilamento do tren Celta na mesma localidade en setembro de 2016.

Deste modo, a xuíza considera no auto, contra o que cabe presentar recurso, que a causa do accidente foi o "exceso de velocidade", cuxa responsabilidade apón "en exclusiva" á "imprudencia do maquinista", falecido no acto xunto ao interventor de ruta e dous pasaxeiros.

"O informe definitivo desbota na xénese do accidente máis contribución causal que a derivada do exceso de velocidade de entrada do tren na estación do Porriño, sendo esa a única causa do sinistro", sostén o auto, que descarta "sen ningún tipo de dúbida" que o estado do tren ou das vías tivesen incidencia no accidente.

"Non existe o mínimo indicio de que algún elemento da infraestrutura supuxera unha causa ou factor influínte", engade. A culpa recae, en consecuencia, sobre o condutor, quen, asegura a xuíza, "non cumpriu a orde que lle transmitía o sinal 1532, e o feito de ter recoñecido os sinais ópticos e acústicos do sistema de freado impediu a acción do freno de emerxencia".

Con todo, o pasamento do maquinista determina a extinción da responsabilidade penal.

O accidente

O 9 de setembro de 2016, o convoi realizaba o traxecto entre Vigo e Porto. Ao seu paso polo Porriño, a pesar dos sinais da vía, o maquinista "non reduciu a velocidade para non exceder de 30 km/h, e o tren continuou aumentando a velocidade até os 110 km/h". Uns metros máis adiante, desencarrilou e impactou de forma frontal contra o paso superior da estrada N-120.

Alén das catro vítimas mortais, outras 47 persoas resultaron feridas, 13 delas de gravidade.