As sobreiras do Faro (Oia), “lugar máxico” que vén de entrar no Catálogo de árbores senlleiras de Galiza

Sobreiras do Faro

Únese así ás 146 árbores e 18 formacións arbóreas de Galiza que, segundo datos de 2015, son consideradas excepcionais e merecentes de medidas especiais de protección.

“As sobreiras do Faro son un lugar máxico”. Quen así o considera é Rafael Lomba, presidente da Comunidade de montes da parroquia de Viladesuso (Oia), que xestiona ese espazo, o único que ten recoñecido como espazo privado de interese natural de Galiza. As sobreiras, regadas polo río Broi, veñen de ser incluídas no Catálogo de árbores senlleiras da Consellería de Medio Ambiente. Únense así ás 146 árbores e 18 formacións arbóreas do noso país que, segundo datos de 2015, son consideradas excepcionais e merecentes de medidas especiais de protección.

Rafael Lomba, congratúlase deste novo recoñecemento a un espazo natural “diferente” en Galiza: “As nosas modestas Sobreiras do Faro, da nosa pequena Comunidade de Montes, atópanse agora á altura doutras formacións situadas en grandes pazos nobiliarios ou xardíns públicos. Un detalle máis polo que sentirse orgullosos do que temos.”

Micromecenazgo 

A Comunidade de Montes de Viladesuso forma parte dende 2015 do proxecto Costa dos Castros, que xunto a outras tres Comunidades de Montes veciñas – Santa María de Oia, Pedornes e Mougás –procura promover e poñer en valor o patrimonio natural, cultural e arqueolóxico do concello de Oia. Costa dos Castros lanzará a próxima semana a súa segunda campaña de micromecenado para apoiar iniciativas tan singulares que se están a dar na zona como esta aposta da Comunidade de Viladesuso pola súa natureza autóctona.