As facultativas da Atención Primaria de Vigo barallan deixar de impartir docencia ás MIR pola sobrecarga

Folga da Atención Primaria en Vigo
A asemblea de médicas e médicos celebrada na noite do día 30 deuse de prazo este mes para decidir se interromper de forma temporal a docencia que as profesionais imparten ao persoal MIR, ante a sobrecarga de traballo nesta área sanitaria. O Sergas advirte de que retirar esa formación suporía perder 22 facultativos de familia o ano que vén.

"Non nolo podemos permitir", manifestaba esta quinta feira o xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo, Julio García Comesaña, sobre a posibilidade de que as e os profesionais médicos da área de Vigo adopten esta medida. Detrás dela está, en palabras do doutor Manuel Domínguez Sardiña –membro da asemblea e un dos xefes de servizo que o pasado mes de marzo presentou a súa dimisión–, a “sobrecarga” dos e das médicas viguesas, que deriva nunha “diminución da calidade da Atención Primaria”, e que xa levou a accións como a adoptada en marzo por 23 das 25 xefaturas de servizo desta área sanitaria.

En declaracións a Europa Press, Domínguez Sardiña valorou a “mellora da relación entre a EOXI de Vigo e o colectivo médico, pero lamentou que as condicións non teñan mellorado. “O que queremos é unha aposta firme pola Atención Primaria. É necesario diñeiro e prazas, é necesario investir na Atención Primaria”, reivindicou, antes de reclamar un plan “a curto e medio prazo”.

O responsábel da EOXI de Vigo, pola súa banda, defende que o Sergas está traballando para atender as necesidades das e dos médicos vigueses, e recorda que el mesmo mantivo unha xuntanza a semana pasada. Tamén subliñou que, grazas á oposición, téñense consolidado perto de 40 profesionais da Atención Primaria nesta área sanitaria, á que o vindeiro luns incorporaranse –avanzou– tres novas profesionais. “O ano que vén haberá máis incorporacións. Porémolas nos centros de saúde con máis tarxetas e naquelas que teñan unidade docente”, manifestou.

Segundo declarou, a docencia “é un labor habitual de calquera persoal sanitario, e nesta caso a docencia da medicina familiar é unha parte fundamental que vivimos agora mesmo”. “O mantemento do modelo que temos baséase, entre outras cousas, en que aparezan novos médicos e médicas que substitúan a que se xubila, e quitar esa formación en concreto en Vigo suporía perder 22 facultativos de familia o ano que vén”, advertiu.