Denuncian "sobrecarga" no ambulatorio vigués de Coia: "O Sergas contratou unha enfermeira para facer o traballo de catro"

Centro de saúde de Coia, en Vigo. (Foto: Nós Diario)
Satse advirte da non cobertura das vacantes que deixan enfermeiras desprazadas ao Ifevi pola campaña de vacinación.

O sindicato de enfermaría Satse denunciou esta sexta feira a "sobrecarga" que sofre este colectivo de profesionais no centro de saúde de Coia, en Vigo, debido á ausencia do persoal que tivo que desprazarse ao Ifevi para administrar a cuarta dose da vacina contra a Covid-19.

A organización apuntou que o interese da xerencia por aliviar a carga das enfermeiras dese centro de atención primaria é "nulo", porque non cobre as ausencias a pesar de que hai persoal dispoñíbel nas listas de contratación.

Segundo explicou Satse, dúas enfermeiras que traballan neste ambulatorio están de vacacións e non foron substituídas, e outras dúas foron desprazadas ao Ifevi no marco da campaña de vacinación.

"Con todo, o Sergas só contratou unha enfermeira para facer o traballo que catro enfermeiras fan de maneira haitual", criticaron as profesionais de enfermaría.

O sindicato cualificou de "incomprensíbel" esta sobrecarga de traballo cando hai enfermeiras dispoñíbeis, e lamentou que "non se aprendeu nada" destes anos de pandemia. "Impórtalles pouco a situación das enfermeiras e dos propios usuarios", concluíu.

Déficit de persoal

A pasada semana Satse denunciou a falta de profesionais de enfermaría no Sergas, unha carencia que cifraban en "entre 2.000 e 3.000" postos de traballo nos centros sanitarios do país.

Na Galiza hai "cinco profesionais por cada mil habitantes", unha ratio que se debería elevar, ao seu xuízo, "a oito enfermeiros ou enfermeiras por cada mil habitantes".