Evitar a sobrecarga asistencial en Medicina Interna do CHUS requiriría de 15 especialistas máis

O Plan funcional de medicina interna do CHUS tamén estima os recursos físicos necesarios para unha mellor calidade asistencial. (Foto: Cecilia Fabiano / Europa Press).

Na actualidade, o persoal facultativo é moi inferior ao recomendado no Plan Funcional 2022 elaborado polo servizo do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago nos últimos meses. É un informe comprometido o pasado mes de xuño polos servizos de Medicina Interna de todos os hospitais do Sergas para coñecer a necesidade particular de especialistas e resolver o déficit de profesionais que aínda se mantén.

Ás portas do verán os servizos de Medicina Interna do Sergas denunciaron a situación de "sobrecarga asistencial" que atravesan en todos os hospitais da sanidade pública da Galiza. A protesta, liderada polo persoal facultativo, foi secundada por xefes e xefas de servizo mais por entidades científicas e colexiais.

Cun mes de diferenza dimitiron do seu cargo a xefa de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, Amalia Cadavid -substituída a primeiros de xuño por María Bustillo- e o xefe do servizo do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Antonio Pose, aínda sen remuda desde  principios de xullo.

O plante do persoal especialista en Medicina Interna facilitou un achegamento entre o Goberno galego e os máis de 270 internistas que denunciaron unha sobrecarga asistencial que non cumpren os estándares de calidade recomendados. Mais a situación non se resolveu. 

Os hospitais galegos manteñen un déficit "extremo" de internistas, aseguran desde o servizo de Medicina Interna do CHUS, o único que polo momento elaborou e deu traslado tanto á dirección hospitalaria mais á Presidencia da Xunta do seu Plan Funcional, un documento que cada centro se comprometeu a redactar para remitir as súas necesidades específicas de especialistas.

"Polo que sabemos os xefes de servizo do resto de hospitais reuníronse co Sergas e non fixeron os seus plans. Aquí non hai xefe, mais dedicamos o verán elaborar un plan colaborativo asinado pola práctica totalidade do servizo".

Segundo recolle o Plan funcional 2022 do Servizo de Medicina Interna do CHUS, o complexo hospitalario precisa 15 internistas máis para levar a cabo unha asistencia de calidade, o que representa un incremento de 40% do cadro facultativo actual.

"O progresivo desaxuste entre a demanda asistencial e a dotación de persoal derivou nunha situación de sobrecarga actualmente inasumíbel", aseguran, que chega a dobrar e mesmo a triplicar os estándares recomendados pola Sociedade Española de Medicina Interna, de oito pacientes por facultativo ao día en hospitalización.

Afirma o persoal especialista que o CHUS conta coa ratio máis baixa de internistas por 100.000 habitantes dos tres hospitais de terceiro nivel do Sergas (A Coruña, Vigo e Santiago) -nove-, inferior tamén á media estatal -doce-.

Menos ingresos pero maior carga asistencial

Máis de 384.000 persoas teñen o CHUS como complexo hospitalario de referencia dentro da área sanitaria de Santiago e O Barbanza, cunha idade media de case 51 anos e 24% maior de 65 anos. Medicina Interna é o servizo que máis doentes atende dentro das especialidades médicas. En Compostela asume un 15% do altas hospitalarias.

A hospitalización convencional distribúese de forma permanente entre dous centros -Hospital Clínico e Hospital de Conxo- mais no Hospital Xil Casares de forma temporal en función da demanda. O cadro actual do servizo nestas áreas está formado por 18 facultativos (de 34), que atenden, de media, entre 180 e 205 pacientes. 

"Os ingresos anuais diminuíron, pero a carga asistencial e a estancia media son maiores", unha situación, aclaran, que xa non é "nin puntual nin estacional", cunha atención media de 12-14 doentes por médico ao día e picos de até 18-22.

Estabilidade e orzamento para ampliar as prazas

Internistas do CHUS urxen unha resposta por parte da dirección hospitalaria e mais da Xunta antes de iniciar novas accións que podería derivar nun "conflito laboral".

Non descartan a folga, mais confían en abrir unha vía de entendemento para dotar o servizo de "contratos estábeis". "Só así se poderá atraer a masa crecente de compañeiros que fuxiu da precariedade e o maltrato laboral recibido nos últimos anos nos hospitais públicos do Sergas".

Segundo o seu estudo de necesidades, "de mínimos", remarcan, o CHUS require seis facultativos máis en hospitalización convencional e outros nove repartidos polas áreas en que se divide o servizo: alta precoz, enfermidades infecciosas, hepáticas, cardiovasculares, interconsultas ou hospital de día; polo que piden unha partida para a ampliación de prazas de internistas nos orzamentos da Xunta da Galiza para o exercicio 2023.