Análise

A soberbia, a humildade e a cultura patriarcal

A misoxinia sistémica reprodúcese en idénticos termos en cada unha das relacións privadas entre mulleres e homes. (Ilustración: Ález Rozados)
A doutora en Medicina Lola Ferreiro Díaz analiza para 'Nós Diario' a cultura patriarcal.

Contra a soberbia, humildade, dicía o catecismo que tiñamos que aprender (sen entender) cando eramos pequenas. Era unha das verdades que entre a igrexa e a escola do tardofranquismo nos tatuaron no inconsciente. As cousas mudaron pouco desde aquela altura; a igrexa ten menos influencia directa, pero as máis das súas claves son xa construcións culturais, que nos inflúen independentemente das crenzas subxectivas, polo que é importante descodificalas para poder resolvelas. Demorei anos en entender o significado deste tipo de máximas e moitos máis en comprender o pecado laico. Non hai tantos, fun quen de identificar as trampas patriarcais ás que está suxeito este binomio pecado/virtude. 

A soberbia é a crenza na superioridade do Ego, e o primeiro dos sete pecados capitais (dos máis graves) que a igrexa coloca nos cimentos da casa de Lucifer, quen o cometeu ao quererse igualar a deus. Implica altiveza, arrogancia, vaidade, autogabanza e, sobre todo, desprezo polas outras persoas, sendo característica do poder que se ostenta desde a "superioridade " de xénero, de clase, de raza, ou de calquera outra relación mediada pola desigualdade. Á soberbia opónselle a humildade, que é o recoñecemento das propias limitacións e debilidades, restándolle importancia ás propias capacidades e logros, e inclúe a modestia, a sinxeleza e a submisión, ou sexa, a crenza na inferioridade do Ego, e considérase virtude!

Pero o binomio soberbia/humildade non funciona da mesma maneira para todas as persoas. Unha das trampas é que a soberbia, nalgúns dos seus trazos e ata certa intensidade, consénteselle máis a quen ostenta o poder (de xénero, de clase, de etnia, etc.), mentres que a humildade que se lle esixe a unhas é distinta á que se lle pide a outros.

Malia que estamos nun proceso de reivindicación constante no estrutural, o microgrupo é outra cousa, aí queda moito máis camiño por andar

Así, na desigualdade de clase, a humildade ten como contido esencial a submisión, pero lexitímase a rebeldía e, desde logo, non se trata de soberbia á xente que reclama ou que esixe os seus dereitos. Preconizaba o filósofo libertario mexicano Ricardo Flores Magón (1873-1922): "Contra soberbia, humildade, suspira o frade. Contra soberbia, rebelión!, berramos os homes" (os homes!), volvendo así case heroes a quen se rebelen.

Porén, patriarcado e relixión esíxenlle ás mulleres humildade absoluta, onde a modestia debe implicar o autodesprezo, a sinxeleza debe excluír calquera tipo de aspiración e a submisión debe ser total, e todo isto é un dos preceptos principais, asemade lexislado e afiuzado pola "ciencia", que certifica a nosa inferioridade. Este sistema inzou todas as estruturas culturais, sociais, políticas e económicas, relegándonos ao privado e á subordinación.

Malia os (moitos) logros do Movemento Feminista organizado, 60 séculos de opresión non se resolven en dous, así que as mulleres seguimos a ser as máis explotadas economicamente dentro das persoas explotadas, as máis racializadas dentro das racializadas e as máis oprimidas dentro das oprimidas. E esta gran misoxinia sistémica reprodúcese logo en idénticos termos en cada unha das relacións privadas entre mulleres e homes, como dicía Kate Millett (1975), no sentido que lle daba á súa proclama: "O persoal é político".

E isto constitúe unha outra trampa, porque é o resorte perfecto para que sigamos coa nosa esixida humildade, que non se dá noutros xeitos de opresión porque non hai relacións afectivas entre opresor e oprimida.

Por outra parte, o sistema tampouco lle dá á soberbia o mesmo significado nuns que noutras. Para que a unha muller se lle colgue a etiqueta de soberbia e de arrogante (ultimamente de feminazi) non fai falta que se gabe de si mesma, que sexa altiva ou arrogante e, moito menos, que desprece ás demais. Só é necesario que non se someta, que abandone o autodesprezo, que reclame e exerza os seus dereitos e que valore os seus logros; en definitiva, boa parte do que converte en heroes os homes das clases oprimidas... e ás mulleres en soberbias, sendo rexeitadas pola contorna social e afectiva, e por elas mesmas.

Presión de máis para nós, da que tamén se resinte o corpo, e desde logo a saúde social. Malia que estamos nun proceso de reivindicación constante no estrutural, que ultimamente mesmo resulta bendicido por certos sectores, o microgrupo é outra cousa, aí queda moito máis camiño por andar.

En suma, debemos insistir en que, para conseguirmos a igualdade entre os seres humanos, é imprescindíbel mudar a máxima dominante de "contra a soberbia, humildade " por outra moito máis democrática: "Contra a soberbia e a humildade, dignidade!".