Soben os casos activos de Covid por primeira vez nos últimos 25 días

Viais da vacina de AstraZeneca contra a Covid-19. (Foto: Rober Solsona / Europa Press).
Os novos contaxios rexistrados aumentan a 111.

Os novos casos activos de Covid-19 aumentaron a 111 no conxunto de Galiza desopois de permanecer desde o inicio desta semana por baixo do centenar e os casos activos soben lixeiramente por primeira vez tras 25 xornadas consecutivas en descenso. Pola súa banda, os pacientes ingresados descenden a 61 -un menos-.

Segundo os datos publicados na mañá desta quinta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta cuarta, aumentan a 16 os pacientes Covid en UCI -un máis- e descenden a 45 os doutras unidades -dous menos-.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende nas de Pontevedra e O Salnés e Lugo; mantense nas de Ourense, Santiago e Barbanza e Ferrol; mentres que aumenta lixeiramente nas da Coruña e Cee e Vigo.

En canto aos casos activos de Covid-19 aumentaron lixeiramente a 1.355, nove máis, despois de acumular 25 xornadas consecutivas de descenso, ao haber menos altas (102) que contaxios (111). No entanto, mantéñense en niveis de mediados de agosto do ano pasado -o día 15 dese mes había 1.337-.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden unicamente nas de Vigo (-10) e Santiago e Barbanza (-7), mentres que soben nas da Coruña e Cee (+9), Ourense (+9), Pontevedra e O Salnés (+3), Ferrol (+3) e Lugo (+2).

Pola súa banda, os novos contaxios de Covid-19 detectados por calquera tipo repuntaron a 111 e sitúanse por primeira vez desde a segunda feira por riba do cento, tras iniciar a última semana antes do verán con 56; ascender lixeiramente a 60a terza feira e a 65 esta cuarta, o que supón 46 máis que a xornada anterior.

En concreto, no conxunto de Galiza foron confirmados 113 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas, segundo os datos actualizados por Sanidade, 48 máis que a xornada pasada, dos cales 38 corresponden á área da Coruña e Cee; 23, á de Ourense; 17, á de Lugo; 11, á de Vigo; nove, á de Santiago e Barbanza; oito, á de Ferrol; e sete, á de Pontevedra e O Salnés.

En canto á taxa de positividade, segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada esta pandemia. A última vez que Galiza excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.

Pola súa banda, as persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia mantéñense en 2.430 ao non notificar a Consellería de Sanidade vítimas por quinta xornada consecutiva.