Soben a 254 os contaxios rexistrados na Galiza

(Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

Ascenden a 1.749 os casos activos e baixan a 54 os ingresados.

Os casos activos de Covid-19 en Galiza manteñen a tendencia ascendente e sitúanse en 1.749, após rexistrarse 254 novos contaxios no conxunto do país,mais descenden a 54 os pacientes hospitalizados -seis men--.

Segundo os datos publicados na mañá desta quinta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18horas desta cuarta feira, increméntanse a 12 as persoas ingresadas en UCI pola Covid en toda Galiza -unha máis-, mais baixan a 42 as hospitalizadas noutras unidades sete menos-, mentres que 1.695 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta lixeiramente na da Coruña e Cee, que aínda que mantén dous pacientes Covid en UCI, rexistra 15 noutras unidades -dous máis-; alíviase nas de Ourense, Vigo, Lugo e Ferrol; e mantense nas de Santiago-Barbanza e Pontevedra-O Salnés.

Os casos activos de Covid-19 suman 18 xornadas consecutivas de aumento e colócanse en 1.749, que supoñen 209 máis que a xornada anterior ao haber máis contaxios (254) que altas (43), ao que se engaden dous falecementos. Con respecto á quinta feira anterior -11 de novembro- hai 842 infeccións máis que as rexistradas hai unha semana.

As infeccións activas ascenden nas sete áreas sanitarias galegas, coas Vigo e Ourense á cabeza (+47), seguidas das de Pontevedra e O Salnés (+32), Santiago e Barbanza (+30), A Coruña e Cee (+26), Lugo (+17) e Ferrol (+10).

Segundo os datos actualizados na tarde desta cuarta feira pasada polo Ministerio de Sanidade, Galiza conta cunha taxa a 14 días de 59,81 casos por 100.000 habitantes, fronte aos 53,26 da terza feira, mentres que a media do Estado ascende a 96,12.

Os novos contaxios de Covid-19 mantéñense desde o 10 de novembro por riba do centenar e aumentan a 254, que representan 40 máis que os 214 da cuarta feira. A cifra máis baixa desde que Galicia entrou en niveis de 'nova normalidade' rexistrouse o 11 de outubro, cando houbo 14.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test-, descende lixeiramente a 4,63% tras repuntar a 5,21% a cuarta e baixar a 2,43% a terza, despois de comezar esta semana co 3,93%. 

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia  ascenden a 2.661, despois de notificar esta cuarta feira a Consellaría de Sanidade dúas novas vítimas.