Os casos de coronavirus confirmados na Galiza son dezaoito

Mulleres con máscara (Europa Press)

Deles, 13 están na área da Coruña e 11 orixináronse no mesmo foco, no centro cívico de Feáns, que xa foi clausurado

A Consellería de Sanidade informou de que o laboratorio de Majadahonda confirmou cinco novos casos positivos a infección por coronavirus en Galiza, co que se elevan a 18 as e os afectados.

Só unhas horas despois de que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, informase en rolda de prensa de que os casos de coronavirus confirmados, que eran 6 o domingo, ascendían xa a 13, materializáronse outras cinco confirmacións, todas elas na área da Coruña.

Con iso, as persoas afectadas por este virus en Galiza ascenden xa a 18, das que 13 están na área da Coruña, catro na de Vigo e un na de Ourense. A maiores, quedan algúns casos pendentes do resultado do laboratorio madrileño.

Deste cinco novos casos, catro manteñen un vínculo epidemiolóxico co foco relacionado co centro cívico de Feáns, pechado preventivamente desde esta segunda feira. En total, deste foco derivan 11 casos na cidade herculina, un deles un home de 81 anos que se atopa grave na UCI.

A maiores, A Coruña rexistra un novo caso non relacionado con este foco, pero que é "importado", confirmou Sanidade, do mesmo xeito que o primeiro do que se tivo noticia en Galiza, un home de 49 anos que se desprazou desde Madrid á Coruña a unha entrevista de traballo.

Outros casos

Pola súa banda, o caso confirmado en Ourense é o dunha profesora do centro dos Salesianos Colexio María Auxiliadora de Ourense, que viaxou recentemente a Venecia.

A muller, que se atopa con síntomas leves, estivo en "certo illamento social" nos días previos, consciente de que podería contraer o virus, e non presentou síntomas mentres estaba no centro escolar, polo que consideran que o seu risco de contaxio é baixo.

Os outros catro casos, todos da área de Vigo, están relacionados cunha parella de 43 e 47 anos, residente en Moaña, que viaxara recentemente a Madrid, o fillo dela, de 15 anos, e outro familiar. Só o home permanece ingresado na UCI do Álvaro Cunqueiro por pneumonía.

A maior parte destes confirmados, explicou Sanidade, presenta síntomas leves e están illados nos seus domicilios. Activouse un protocolo de seguimento para os seus contactos, a fin de determinar se desenvolven síntomas da enfermidade.