Soben a 1.579 os casos activos de Covid na Galiza

CXribado para detectar casos de Covid-19 na área sanitaria de Santiago e Barbanza (Foto: Sergas)

Seguen 52 pacientes ingresados por este coronavirus e a taxa de positividade continúa nun 3%.

Os casos activos de Covid-19 seguen en ascenso na galiza por sexta xornada consecutiva e sitúanse en 1.579, mentres que os novos contaxios mantéñense por riba dos 120, con 121, e continúan 52 pacientes hospitalizados debido a este coronavirus.

Segundo os datos publicados na mañá desta terza feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta segunda feira, recollidos por Europa Press, descenden a 12 as persoas ingresadas en UCI pola Covid -dúas menos- e aumentan a 40 as que permanecen noutras unidades -dúas máis-. Pola súa banda, 1.527 pacientes están en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende nas de Ourense e na de Pontevedra e O Salnés; aumenta nas da Coruña e Cee e Vigo; e mantense nas de Santiago e Barbanza, Ferrol e Lugo.

En canto aos casos activos de Covid por sexta xornada consecutiva aumentan e sitúanse en 1.579 en Galiza, 72 máis que a xornada anterior, ao haber de novo máis contaxios (121) que altas (48), ao que se suma un falecido. Por tanto, sitúanse en niveis da segunda quincena de agosto do ano pasado.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas soben no sete: Vigo (+37), Pontevedra e O Salnés (+12), A Coruña e Cee (+8), Ourense (+5), Santiago e Barbanza (+5), Lugo (+4) e Ferrol (+1).

Pola súa banda, os novos contaxios de Covid-19 detectados con calquera tipo de proba mantéñense desde a pasada quinta feira por riba dos 120 e, despois de principiaresta semana con 123, descenden lixeiramente a 121, dous menos.

No conxunto de Galiza foron confirmados 122 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas, segundo os datos actualizados por Sanidade, dous menos que a xornada pasada, dos cales 50 corresponden á área de Vigo; 25, á da Coruña e Cee; 17, á de Pontevedra e O Salnés; 10, á de Lugo; oito, á de Santiago e Barbanza; outro oito, á de Ourense; e catro, á de Ferrol.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia ascenden a 2.436 ao notificar Sanidade un óbito esta segunda feira após tres xornadas sen vítimas.