Soben a 105 os pacientes en UCI na Galiza, un incremento de 40% en dúas semanas

O pacientes ingresados na UCI e con hospitalizacións longas requiren unha rehabilitación intensa e maior tempo de recuperación (Eduardo Parra / Europa Press).
Son cinco novos ingresos en relación aos anteriores datos. Segundo o Sergas, hai 473 persoas ingresadas con coronavirus diagnosticado.

O número de persoas ingresadas con Covid-19 en Unidades de Coidados Intensivos (UCI) dos hospitais galegos segue a aumentar. Son xa 105, o que implica un incremento de cinco da xornada anterior.

Tamén medra, após varios días de baixada, o total de casos hospitalizados até situarse en 578, dez máis que no anterior parte. 

Os datos, facilitados desde a web da Consellaría de Sanidade, están actualizados a respecto das 18 horas do sábado.

Incremento de 40% en 15 días

O número de pacientes en situación crítica mantén a tendencia e, logo de pasar a barreira do centenar de ingresados, supera en 16 aos da semana pasada e en 31 aos datos de hai dúas semanas, o que supón un incremento de máis de 40% en 15 días.

As persoas hospitalizadas en unidades convencionais experimentan igualmente unha repunta despois de varias xornadas en descenso. Segundo o Sergas, hai 473 persoas ingresadas con coronavirus diagnosticado.

O incremento de persoas ingresadas débese, fundamentalmente, ao aumento de pacientes hospitalizados nas áreas de Vigo e A Coruña. Tamén medran en Lugo e Compostela, mentres que caen en Ferrol, Ourense e Pontevedra.

Por áreas

A área sanitaria da Coruña e Cee continúa a ser a que máis pacientes ingresados con Covid-19 ten. Son, segundo a última actualización, 148 (sete máis), dos que 28 están en UCI (catro máis) e o resto en unidades convencionais (120, tres máis).

A área sanitaria de Vigo pasa este domingo o limiar do centenar de hospitalizados ao incrementarse en nove e situarse en 103. As pacientes en críticos seguen en 26, sen cambios.

Ourense mantén a tendencia á baixa, quer en ingresos en planta quer en UCI. En Pontevedra o número de pacientes hospitalizados continúa en descenso. Son seis menos, o que deixa a cifra total en 68, sete deles en críticos.

Por contra, na área de Lugo repuntan os hospitalizados até 57 (seis máis), mentres na UCI non hai novidades: seis pacientes están ingresados.

Aumentan os ingresados nos hospitais da área de Santiago e Barbanza. Hai un máis en UCI relación á última actualización. En total son 15 persoas en críticos dos 62 que hai hospitalizados.

Por último, Ferrol rexistra unha caída no número de persoas hospitalizadas até 58, cinco menos que na anterior xornada, aínda que aumentan os ingresados en UCI até 11 (un máis).