Sobe a presión hospitalaria mentres continúan á baixa os novos contaxios

Unha moza recibe a primeira dose da vacina e sométese a unha PCR en Ourense (Foto: Xunta da Galiza).
O número de contaxios detectados na Galiza descende até os 566. Tamén diminúe a conta dos casos activos os 13.495. Pola contra, a presión hospitalaria volve incrementarse, con 337 persoas hospitalizadas por Covid, 14 máis. A taxa de positividade sitúase na contorna de 10%.

Segundo o último balance da situación epidemiolóxica publicado pola Consellaría de Sanidade na mañá desta segunda feira, con datos até as 18 horas do domingo, os hospitais da Galicia atenden 337 persoas ingresadas polo coronavirus, 14 máis que a xornada anterior. Deles, 63 están en UCI (+2) e 274 en unidades convencionais (+12).

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria, aumenta en todas agás nas de Ourense e Vigo, onde se mantén, e na de Pontevedra, onde descende lixeiramente.

Casos activos

Os casos activos de Covid-19 continúan á baixa e suman xa 11 días consecutivos de descenso. Son 13.495 as persoas coa enfermidade activa, 560 menos que o día anterior. Por áreas sanitarias, as infeccións descenden en todas, menos na de Ferrol: Vigo (-85), Pontevedra (-115), Ourense (-64), Lugo (-114), Santiago (-117), A Coruña (-85) e Ferrol (+20).

A área da Coruña mantense á cabeza con 4.331 con infeccións activas, seguida da de Vigo, con 3.294; Pontevedra, con 1.417; Lugo, con 1.361; Santiago, con 1.322, e xa por baixo do milleiro, Ourense, con 832, e Ferrol, con 938.

Descenden os contaxios

Os contaxios de Covid-19 detectados nun día continúan por oitava xornada consecutiva por baixo do milleiro. Sanidade notifica 566 casos novos, 88 menos que a xornada anterior. Do total, Vigo suma 186; A Coruña, 143; Ferrol, 67; Lugo, 50; Ourense, 46; Pontevedra, 44, e Santiago, 40.

En canto á taxa de positividade, matense na contorna de 10%, por riba da marca que estabelece a OMS de 5% para dar por controlada a transmisión.

Incidencia acumulada

Así as cousas, a incidencia acumulada mantén a tendencia á baixa dos últimos días. A 14 días, Galiza sitúase en 440 casos por 100.000 habitantes e a sete en 186. A área sanitaria de ferrol comparte cifras coa media galega. Ourense, Lugo, Pontevedra e Santiago melloran esta marcas mentres que Vigo e A Coruña superan estas cotas e presentan maior incidencia, de 537 e 665 a 14 días respectivamente.

De feito a contorna da ría de Vigo, a Costa da Morte e a área metropolitana da Coruña son as zonas que máis localidades concentran cunha maior taxa de contaxios.

Persoas falecidas

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 na Galiza desde o inicio da pandemia ascenden a 2.516 despois de notificar Sanidade outras dúas vítimas mortais. Un home de 84 anos no CHOP e unha muller de 92 anos no Hospital Comarcal de Verín.