Sobe a presión hospitalaria na Galiza

Paciente en UCI (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Aumenta a presión hospitalaria con catro pacientes más en UCI que na xornada anterior, aínda que os casos activos continúan a descender nunha xornada en que o número de PCR segue moi por baixo das realizadas con anterioridade

A presión hospitalaria que deixa a pandemia do coronavirus na Galiza volve subir lixeiramente até situarse en 213 persoas ingresadas, tres máis que hai un día. Isto prodúcese polo incremento de pacientes Covid-19 en unidades de coidados intensivos (UCI), que ascenderon até 34 -catro máis-, aínda que baixaron lixeiramente os que se atopan en planta, até 179 -un menos-.

Esta situación dos centros sanitarios contrasta con outros parámetros como os casos activos da enfermidade, que continúan á baixa e sitúanse en 2.167, de acordo cos datos que ofrece este domingo, 4 de abril, a Consellaría de Sanidade, actualizados ás 18 horas do sábado. Son, por tanto, 56 menos que 24 horas atrás grazas a que as altas superaron os novos diagnósticos.

Detéctanse menos contaxios e fanse menos PCR

Na última xornada os contaxios detectados desde o inicio da pandemia situáronse en 117.516, ao sumárense 92 nas últimas 24 horas -90 confirmados cunha PCR-. Isto supón un descenso de 16 con respecto aos 108 positivos do día anterior.

Con todo, o número de PCR realizadas nas últimas 24 horas (3.300) continúa por baixo das feitas na quinta feira (ao redor das 5.000). Onte tamén estaban aínda máis lonxe desa cifra, apenas superando as 2.000.

Das novas infeccións rexistradas, sitúanse á cabeza a área da Coruña, con 25 -dúas máis que as notificadas o día anterior-; seguida de Santiago con 22 -un máis- e a de Vigo con 14 -baixan en 13-, as mesmas que en Pontevedra -10 menos-. Na de Ourense, rexistráronse 10 novos positivos nun día -tres máis-, na de Lugo seis -tres máis- e na de Ferrol, só un -dous menos que o día anterior-.

Así, as e os contaxiados por este coronavirus na Galiza ascenden a 117.516 en total, dos que 28.537 corresponden á área da Coruña-Cee; 22.338 á de Vigo; 18.566 á de Santiago-Barbanza; 14.891 á de Ourense-Verín-O Barco; 12.839 á de Pontevedra-O Salnés; 12.079 á de Lugo-A Mariña-Monforte; e 8.266 á de Ferrol.

Baixa a taxe de positividade

No relativo á taxa de positividade das PCR, descendeu até 2,3% e aínda continua por baixo de 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) sinala para dar por controlada a pandemia.

Mortes e altas

Desde o inicio da pandemia pola Covid-19 faleceron na Galiza 2.347 persoas diagnosticadas con este coronavirus, despois de que ao longo do sábado Sanidade notificase tres novas vítimas.

En canto aos curados, subiron até 113.023 persoas, o que implica que nas últimas 24 horas deuse a alta a 145 pacientes.

Presión hospitalaria por áreas sanitarias

No que respecta á presión hospitalaria, tres áreas sanitarias experimentaron unha lixeiro suba. Na Coruña-Cee subiron os pacientes ingresados en planta, até 67 -un máis-, e os de UCI, até os 15 -dous máis-; o mesmo que ocorre en Lugo-A Mariña-Monforte, con 10 enfermos en unidades convencionais -dous máis- e tres en críticos -un máis-.

En Ourense-Verín-O Barco tamén subiron os hospitalizados en planta, até 21 -dous máis-, aínda que as UCI se manteñen con só un paciente de Covid-19.

En canto ao resto de áreas sanitarias, as cifras continúan estábeis: na de Santiago-Barbanza, con 17 enfermos en unidades convencionais e tres en coidados intensivos, mentres que baixan nas outras tres. Na de Vigo, a pesar da suba nas UCI a oito pacientes (+1), en planta descenderon a 42 (-2); en Pontevedra-O Salnés, diminuíron a 16 (-3) os hospitalizados en unidades convencionais, aínda que en coidados intensivos continúa unha persoa; e na de Ferrol, baixaron os que están en planta a seis (-1) e as UCI seguen con tres pacientes.