Sobe a presión hospitalaria na Galiza con 27 ingresados máis, aínda que baixan os que están nas UCI

Vacinación dos menores de 30 anos en Compostela nunha imaxe de arquivo. (Foto: Arxina / Europa Press)

Os casos activos seguen en escalada até os case 26.000 mentres caen os contaxios detectados, aínda que tamén se realizan menos probas.

A presión hospitalaria que deixa a pandemia da covid-19 en Galiza ascendeu até os 298 ingresados, que son 24 máis que a xornada anterior. Iso si, os novos  contaxios por coronavirus detectados nun día na Galiza baixaron até os 2.349, que son 429 menos que o día previo, aínda que hai que ter en conta que ao longo da fin de semana e das festas do Nadal diminuiron as probas realizadas.

No que respecta a as hospitalizacións, segundo os datos publicados esta segunda feira 27 de decembro, con rexistros atéas 18 do domingo 26, o Servizo  Galego de  Saúde (Sergas) contabiliza 246 pacientes ingresados en planta, 27 máis, aínda que os das unidades de coidados intensivos (UCI) descenden en tres, até os 52.

De feito, a presión asistencial aumentou nas últimas horas en todas as áreas sanitarias fóra da de Lugo-A Mariña-Monforte, onde se estabilizou con 23 enfermos, dos que seis están críticos.De entre as que soben, a área de Vigo continúa na cabeza coa maior cifra de hospitalizados por  covid, con 80 en total, dous máis que hai un día. Con todo, as súas UCI non rexistraron variacións e mantéñense con 14 pacientes.

No que respecta a as novas infeccións, a cifra de 2.349 detectadas nas últimas 24 horas implica un importante descenso de 429 con respecto ao día previo, cando houbo 2.778. Cabe lembrar que  Sanidade notificou o sábado 3.100 infeccións, cifra récord de toda a pandemia en Galiza.

De todos os positivos notificados na última xornada, a área de Vigo volve situarse á cabeza ao concentrar 647. Séguenlle a da Coruña-Cee, con 425  contaxios; e a de Pontevedra-O Salnés, con 416. Tras estas, están Santiago-Barbanza, con 355; Ferrol, con 183; Lugo-A Mariña-Monforte, con 182; e Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con 141.

Para analizar o descenso da cifra de novos contaxios detectados no último día, hai que ter en conta que nas últimas 24 horas analizadas realizáronse 9.777  PCR, que son 3.801 menos que a xornada previa. Desde o inicio da pandemia, o Sergas fixo 3.248.260 destas probas.

En canto á taxa de positividade en  PCR -número de infeccións detectadas cada 100 tes--, volveu situarse perto do 20% ao manterse nun 19,7% o que implica que se mantén bastante por riba do limiar do 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Mentres tanto, a sexta vaga da pandemia da covid-19 en Galiza segue en ascenso despois de superar este domingo os picos das cinco anteriores.  Sanidade notifica esta segunda feira un novo récord con 25.796 casos activos, 1.544 máis.

As persoas falecidas diagnosticadas con covid-19 desde o inicio desta pandemia ascenden a 2.745, ao notificar a Consellaría de  Sanidade este domingo unha vítima mortal máis no  Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP).