Sobe a incidencia de cancro de colon con 2.925 novos casos

En xuño de 2022 había 8.799 pacientes agardando por unha endoscopia dixestiva no Sergas. (Foto: Europa Press)
Prevención e detección precoz, chaves no prognóstico da patoloxía.

Galiza está entre as Comunidades con maior incidencia de cancro de colon, con 2.925 novos casos en 2022. Así o trasladou onte a Asociación Española contra o Cancro (AECC) polo Día Mundial para a Prevención do Cancro de Colón, que decorre hoxe. Ao igual que fai a Xunta da Galiza, a AECC apela á prevención. E é que 9 de cada dez persoas sobrevivirían ao cancro cunha detección precoz

Os principais factores de risco asociados ao cancro de colon  na Galiza son, segundo a AECC, a idade, o sedentarismo, unha mala alimentación e o consumo de tabaco e alcohol. En canto ao número de defuncións, os datos indican que os tumores colorrectais ocupan o segundo posto, por detrás dos tumores pulmonares. Así, o pasado ano producíronse 1.122 defuncións na Galiza provocadas por cancros.

A asociación lembrou onte que, co obxectivo de alcanzar 70% de supervivencia en 2023, a iniciativa 'Todos contra o Cancro' busca traballar en aspectos como a prevención, a investigación e a detección precoz, "xa que mellora o prognóstico de 30% de casos de cancro". 

Atención Primaria

Ao fío desta conmemoración, Sanidade incide na importancia de participar no conxunto de programas de detección precoz que organiza a Consellaría de . "A elevada porcentaxe de cancros que se diagnostican en estadios precoces permite un mellor prognóstico e posibilita mellorar a supervivencia", sinala a Consellaría. En datos da AECC, o cancro de colon cúrase en 90% dos casos detectados a tempo.

Non obstante, desde a plataforma SOS Sanidade Pública consideran que "os programas de cribado, en exclusiva, non son suficientes". Manuel Martín, médico e portavoz da plataforma, afirma a Nós Diario que "se a poboación ten dificultades para acceder á medicina de familia a detección precoz do cancro de colon non é posíbel".

Segundo Martín, o deterioro e o "desmantelamento práctico" do servizo de Atención Primaria, o "máis próximo á cidadanía", é o que ten máis probabilidade de diagnosticar o cancro de colon. Non só coa diagnose, senón co "labor educativo" do persoal médico e de enfermaría que lle proporciona ás persoas a información necesaria para "prever esta patoloxía e identificar os seus síntomas".

Listaxes de agarda

Ademais da prevención, no prognóstico tamén é fundamental a celeridade na diagnose e no tratamento. "O único interese que ten a Administración, en vez de pór os centros de saúde a pleno rendemento abrindo tamén polas tardes, é facilitarlle o negocio ás empresas privadas, vía concertos", afirma Martín.

Segundo datos de Sanidade, en xuño de 2022, eran 8.799 as persoas en listaxe de agarda para endoscopias dixestivas e 7.289 para cirurxías dixestivas.

"Déficit" de persoal

Precisamente, sobre a falta de recursos, o Parlamento da Galiza aprobou onte por unanimidade unha iniciativa defendida polo BNG para instar á Xunta a realizar "de maneira inmediata" as contratacións precisas "para paliar o déficit de persoal" que padecen as Urxencias do Hospital do Barbanza, situado en Ribeira.

A aprobación da proposición coincidiu coa concentración de persoal ás portas do mesmo hospital, que denunciou a súa "situación de precariedade" .