Sanidade pública

"Situación límite" no Rosal: unha soa médica para atender máis de 6.000 persoas

Faixa reivindicativa no Rosal. (Foto: Nós Diario)
A veciñanza denuncia o "desmantelamento" da atención primaria no municipio: "A pediatra leva máis de dous meses de baixa sen que se teña cuberto a súa ausencia".

A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública denunciou novamente esta terza feira a precariedade e as deficiencias no servizo de atención primaria do centro de saúde do Rosal (O Baixo Miño). "A pesar de que hai máis dun ano que se creou a cuarta praza para persoal médico reivindicada pola plataforma, na actualidade esta praza segue sen estar cuberta, polo que continúan a ser tres as médicas coas que conta o centro de saúde", salientan.

Isto, segundo manfestan, provoca que deban atender a entre 40 e 50 pacientes ao día, "o que ademais de ser unha cifra inaceptábel non impide que a demora para obter unha cita de atención primaria sexa agora mesmo de sete días", denuncia a veciñanza afectada.

Mentres, o consultorio de San Miguel permanece fechado, alertan, pois non se cubre a cuarta praza de facultativa e seguen sen cubrirse nin as baixas nin as vacacións, polo que é "moi frecuente" que o centro de saúde conte só con unha, ou mesmo en moitas ocasións cunha soa médica, para atender máis de 6.000 persoas.

Outras deficiencias

Estas non son, porén, as únicas deficiencias que presenta o servizo, "en constante e progresivo desmantelamento" por parte do Sergas. "A pediatra leva máis de dous meses de baixa sen que se teña cuberto a súa ausencia, polo que as crianzas do Rosal teñen que ser atendidos por médicos de adultos e, de modo esporádico, no centro de saúde da Guarda pola tarde. Por outro lado, o Sergas segue sen crear a demandada praza de Enfermaría de Pediatría, o que non fai máis que agravar a deficiencia do servizo de atención primaria", engaden.

Por todo isto, a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal secunda a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública o vindeiro domingo 4 de febreiro ás 12 horas en Santiago de Compostela para denunciar a "situación límite" que vive a atención primaria na Galiza.