'STOP EUCALIPTO, AVANTE CARBALLO'

Só o PP se desmarca da campaña para frear a expansión do eucalipto en Galiza

Todos os grupos da oposición comprométense a desenvolver iniciativas parlamentares que permitan poñer freo á “expansión incontrolada do eucalipto” no noso país.

Só o PP, de entre os grupos parlamentares da cámara galega, se desmarcou de apoiar a campaña impulsada por unha vintena de colectivos ecoloxistas para frear a expansión do eucalpito en Galiza. Nesta semana,Fins Eirexas (ADEGA) e Roberto Hermida (AGCT), en representación dos colectivos que fan partede “Stop eucalipto...Avante carballo!” reuníronse con representantes de todos os grupos políticos presentes no Parlamento galego, agás o PP, para presentarlles os cinco puntos que recolle o manifesto da campaña. Os populares non responderon á petición realizada para manter unha xuntanza. Todos os grupos da oposición, informan os ambientalistas, amosaron a súa preocupación pola “incontrolada expansión do eucalipto” e a súa concordancia coas propostas recollidas no manifesto. Do mesmo xeito, amosaron o seu compromiso por propoñer iniciativas parlamentares que permitan atallar esta problemática e a súa disposición a traballar conxuntamente con outras forzas políticas neste eido.

Os cinco puntos do manifesto inclúen peticións como que se cumplan as limitacións que impoñen as diferentes normativas existentes á plantación de eucaliptos, a prohibición do cultivo do Eucalyptus nitens –mediante a creación dun Catálogo Galego de Especies Alóctonas Invasoras no que se inclúa esta especie- ou o fomento do cultivo de especies autóctonas e do aproveitamento multifuncional do monte.