A norma está en tramitación parlamentaria

Só un dos seis parques naturais existentes cumpriría os requisitos da nova lei

Imaxe do parque natural Baixa Limia e Serra do Xurés. Foto: AnuskaCM (Galipedia).

No último pleno do Parlamento de Galiza o pasado 25 de xuño, a Xunta presentou a debate unha nova lei de Patrimonio Natural. O seu articulado inclúe os requisitos para a declaración de parque natural. Segundo ese texto, só un dos seis existentes na actualidade podería obter a declaración.

O artigo 24 da norma, no seu punto 5, especifica que a superficie do parque natural “salvo en casos debidamente xustificados” terá “como mínimo 2.500 hectáreas en parques naturais terrestres ou marítimo terrestres insulares” e “como mínimo 10.000 hectáreas en parques naturais terrestres ou marítimo-terrestres peninsulares”. Apenas o da Baixa Limia e Serra do Xurés, con 20.920 hectáreas, se axusta a esas características.

Tamén o fai o de Illas Atlánticas (1.200 hectáreas terrestres e 7.200 marítimo terrestres), mais este é parque nacional (sic) e rexe por lexislación estatal. Os outros cinco son o de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán (996,25 hectáreas), as Fragas do Eume (9.126 hectáreas), o Monte Aloia (746 hectáreas), o Invernadeiro (5.722 hectáreas) e a Serra da Enciña da Lastra (3.151,67 hectáreas).

A conselleira de Medio Ambiente Ángeles Vázquez defendeu a norma, coa que pretende substituír a vixente lei de Conservación da Natureza aprobada hai 18 anos, como “ambiciosa”. No seu ver, “consolida a prevalencia da protección medioambiental sobre a ordenación territorial”. Nin a oposición nin os grupos ambientalistas o interpretan así.

Para o deputado de En Marea Antón Sánchez, trátase da “absoluta subordinación das políticas medioambientais aos intereses empresariais” e denuncia a “drástica redución orzamentaria” ao respecto. No mesmo sentido se expresou no pleno do Hórreo o BNG. “O PP é depredador do medio natural”, afirmou o deputado Luís Bará. Os socialistas, pola deputada Patricia Vilán, falaron de “insuficiencia e tardanza”. Pero a lei entrou a tramitación parlamentaria cos votos da dereita.

Oito entidades ecoloxistas emitiron un comunicado de título Escuro futuro da natureza no Parlamento en que criticaban con dureza a nova lei, que, consideran, “vai pouco máis alá de basearse na anterior, actualizando o texto co iniciado na normativa estatal de obrigado cumprimento e algúns convenios internacionais subscritos polo Estado”.