Sanidade pública

Un só oftalmólogo atende as máis de 31.000 usuarias do hospital do Barco

Veciñanza e colectivos en defensa da sanidade pública de Valdeorras concentráronse o pasado 16 de xuño diante do hospital comarcal. (Foto: Nós Diario).
A CIG denuncia que "a pasividade e incompetencia na xestión da Xerencia da área sanitaria queda reflectida na incapacidade para resolver as carencias de persoal".

A falta de persoal evidénciase en determinados servizos do hospital do Barco de Valdeorras, o centro de referencia para as máis de 31.000 usuarias e usuarios do distritos. Neste sentido, a federación de saúde da CIG alertou esta cuarta feira sobre “o abandono e o desmantelamento progresivo do sistema sanitario público”. Como exemplo, sinalou que conta cun só oftalmólogo para atender todas as persoas usuarias.

A  CIG denuncia “a total falta de previsión da Xerencia ante os problemas de persoal que arrastra desde principios de ano o servizo de oftalmoloxía, no que un só oftalmólogo está cubrindo a totalidade do traballo do servizo dese hai meses”.

Críticas a xerencia

A central critica que “a pasividade e incompetencia na xestión da Xerencia da área sanitaria queda reflectida na incapacidade para resolver as carencias de persoal destes servizos” e considera “insostíbel” a situación na que se atopa o servizo de hematoloxía, que “segue a manterse en condicións precarias, con visitas puntuais de especialistas do Centro Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) para pasaren consulta un día á semana”.

Medicina Interna

A carencia de profesionais percíbese, tamén, na especialidade de Medicina Interna, que perdeu nos últimos seis anos cinco facultativos no marco dunha redución do cadro de persoal que deixou o centro sen especialidades como Uroloxía, Dermatoloxía ou Pneumoloxía, malia ser o distrito sanitario con máis casos de silicose do país pola incidencia na comarca da actividade mineira.

Tamén esta cuarta feira, a CIG denunciou o "colapso" do Punto de Atención Continuada (PAC) a pasada segunda feira "ao ter que prestar asistencia cun facultativo de menos na xornada laboral".