SOBRE A DEVOLUCIÓN DOS PREDIOS DA MAESTRANZA E A SOLANA

"Só nos faltaba, pagar por recuperar unha praia"

[Imaxe Mucho Viaje]

A Comisión aberta en defensa do común da Coruña e a Asociación Veciñal Cidade Vella reclaman a "devolución gratuíta" dos terreos da Maestranza e da Solana. "Eran terreos comunais, públicos", subliñan.

Este sábado (4 de xuño) ás 12h a Comisión aberta en defensa do común convoca unha manifestación pola cidade da Coruña para reclamar a devolución dos terreos da Solana, actualmente en mans da Autoridade Portuaria e concesionados a empresas privadas que xeren unha área deportiva e o Hotel Finisterre. Ao igual que acontece cos predios da Maestranza, o colectivo exixe que sexan devoltos de maneira gratuíta e apela ao carácter público, comunal, que tiveron até os anos '40. 

A mobilización sairá da Autoridade Portuaria e dirixirase á Maestranza. 

A concesión da Solana remata en 2027 e a Autoridade Portuaria quere sacala a poxa para pagar unha débeda adquirida coa construción do Porto Exterior

A concesión remata en 2027 e, de facto, o pleno do Concello da Coruña aprobou no mes de abril a partir dunha moción presentada pola edil do BNG, Avia Veira, a instancias da Comisión aberta que a recuperación dos predios fose gratuíta mais o goberno municipal ofreceuse a pagar por eles. "Só nos faltaba pagar por recuperar unha praia", di Manolo Monge, integrante do colectivo, a respeito da Solana onde antigamente se atopaba o areal do Parrote. "Eran terreos comunais, públicos", acrecenta, polo que a Comisión ao igual que a Asociación Veciñal Cidade Vella, exixen que sexan devoltos gratuitamente. 

Porén, a Autoridade Portuaria --como tamén o Ministerio de Defensa a respeito da Maestranza-- quere sacalos a poxa para embolsar uns cantos millóns cos que facer fronte, din, á débeda pola construción do Porto Exterior. 

Supoñen 25 mil metros cadrados taxados en 1,3 millóns de euros A Solana e 4,2 millóns de euros o Hotel Finisterre

En total supoñen 25 mil metros cadrados taxados en 1,3 millóns de euros A Solana e 4,2 millóns de euros o Hotel Finisterre. Predios que foron arrincados ao mar através de recheos e concesionados a empresarios coruñeses en 1942 e 1948 respectivamente, para alén dunha ampliación en 1970 cun novo recheo. 

'Botín de guerra'

Baixo o lema "En defensa dos espazos comunais e do patrimonio público. Non á venda da Coruña" a marcha urxirá a súa devolución. E como é que chegan a ser privados?

A historia oficial mestúrase coa oculta pola ditadura fascista. "Foron importantes empresarios coruñeses [no concreto Emilio Rey Romero e Pedro Barrié de La Maza] e persoas relacionadas co franquismo [como o nadador Armando Casteleiro Varela] que participaron na represión despois do levantamento militar e fascista do 18 de xullo de 1936, quen impulsaron a ocupación de 25.000 metros cadrados de terreos públicos, gañados ao mar, como auténtico botín dos golpistas", explican desde a Comisión aberta en defensa do común.