Día Mundial dos Humidais

Só cinco dos máis de mil humidais de Galiza teñen protección legal específica

Lagoa da Frouxeira. Imaxe: Adega

Galiza, o territorio con maior diversidade de lagoas, brañas, xunqueiras, bosques húmidos e turbeiras. Ocupan máis de 7.600 hectáreas. Adega advirte que a "xestión inadecuada" canda as "nulas políticas de protección e recuperación", provocou o desecado e desparición de varios destes ecosistemas.

O 2 de febreiro é o Día mundial das zonas húmedas, unha data que conmemora o aniversario da sinatura da convención Ramsar (Irán, 1971). Como lembran desde Adega, son aquelas áreas terrestres inundadas de xeito permanente ou estacional. Ademáis de reserva de auga, sumidoiros de carbono e fonte de biodiversidade, son a nosa defensa natural contra os desastres climáticos.

“Galiza é o territorio do Estado con maior diversidade de lagoas, brañas, xunqueiras, bosques húmidos e turbeiras, que ocupan máis de 7.600 hectáreas”, informa a Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza. Porén só cinco zonas húmidas galegas (das máis de 1.100 inventariados pola Xunta) gozan de protección legal específica acollidos baixo o convenio Ramsar: as rías de Ribadeo e Ortigueira e a de Ribadeo, a lagoa de Valdoviño (Frouxeira), o Complexo Húmido de Corrubedo e o Complexo intermareal Umia-Ogrobe.

Xestión inadecuada

Unha xestión inadecuada destes ecosistemas , canda as “nulas políticas de protección e recuperación”, levou ao desecamento e destrución dun bo número de zonas húmidas de Galiza. As lagoas de Pantín (Valdoviño) e Corme (Laxe), a degradación das turbeiras do Xistral ou da lagoa sacra de Olives (A Estrada) polos eólicos; ou a situación crítica das Gándaras de Budiño, no medio dun polígono industrial son algúns exemplos. Mesmo a Xunta chegou a aprobar un plano de conservación para o humidal da Frouxeira, un dos 5 humidais de importancia internacional de Galiza.

Desde Adega instan aumentar a listaxe de humidais protexidos, cumprir estritamente coa lexislación ambiental, e ordenar o territorio para reducir a presión sobre estes espazos, alén de investir na restauración dos ecosistemas danados.