Só hai seis funcionarios para supervisar 260 residencias na Galiza

Un traballador traslada unha padiola nas inmediacións da residencia de San Cibrao. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Primeira reunión de REDE e Inspección.

Por primeira vez en moito tempo a Federación Galega de Usuarios de Familias da Dependencia e Residencias (REDE) e Inspección de Política Social reúnense para achegar lazos cara a unha mellora na situación que están a vivir os maiores nos centros. "Levábamos entre tres ou catro anos procurando ter un acercamento entre ambas as entidades", indica Paulino Campos, presidente de REDE e da asociación de familiares que naceu en DomusVi O Barreiro-Vigo (Asfareba), nunha conversa con Nós Diario.

Na reunión, que decorreu esta semana, puxéronse na mesa deficiencias que as e os usuarios e as súas familias están a sufrir nas residencias de maiores. "Cremos que as operadoras responsábeis dos centros poñen demasiadas trabas á hora de querer facer unha denuncia ou unha reclamación, que exista un libro de Política Social e outro de Consumo é algo que confunde moito cando se quere reclamar", comenta Campos. Dentro deste ámbito, tamén se pediu ás e aos inspectores que existise menos desequilibro de cara á contestación das denuncias feitas polas familias, "pode darse casos nos que un mesmo denunciante faga sete reclamacións e non reciba ningunha contestación e outro faga tres e que as contesten todas". Alén disto, tamén reclamaron un mellor criterio no momento de investigar as reclamacións, "existen moitos casos nos que só se toma en consideración o informe que emite a operadora responsábel do centro e non se fala coas familias ou con testemuñas das infraccións", apunta Campos.

Dentro da reunión tamén trataron os expedientes de sanción, aos cales só poden acceder cando a sentenza é firme e sempre cunha cumprida lista de espera. "As sancións que máis se están a dar nas residencias son problemas coas ratios de persoal, deficientes en canto a profesionais e usuarias e nin sequera están postos ao día no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (Ruepss) na maior parte das operadoras da Galiza; falta de supervisión e estimulación das usuarias, que poden pasar horas desatendidas; dosificación abusiva de fármacos; coidados neglixentes e falta de enfermeiras presentes sobre todo nas quendas de noite das residencias".

Tan só seis inspectoras para 260 residencias

Ambas as partes chegaron ao acordo de que todas estas deficiencias serían menores se se aumentasen os recursos en Inspección. Actualmente existen tan só seis traballadoras para supervisar as 260 residencias que hai na Galiza. "Pedimos que se aumenten os recursos humanos e materiais para que a situación nas residencias mellore cunha máis axeitada supervisión dos servizos que se están a dar".

Esta primeira reunión serviu para aproximar ideas e para que se presente un novo enfoque "con máis talante e transparencia por parte de Inspección, o cal agradecemos", indica Campos. Nela estiveron presentes Xesús do Río da Torre, subdirector xeral dos servizos de Inspección de Política Social; Berta Besada Porto, xefa dos servizos de Inspección de Política Social; Xesús Tarrío, inspector e voceiro da asociación profesional de inspectores; Xosé Bernárdez Solla, secretario de REDE e presidente da asociación de familiares que naceu en DomusVi Aldán-Cangas (Vellez Digna) e Eduardo Ruanova, voceiro da asociación de familiares REDE Públicas Crapd Vigo I e Paulino Campos, presidente de REDE e da asociación de familiares que naceu en DomusVi O Barreiro-Vigo, Asfareba.