Sanidade

Un só equipo médico no PAC de Ribadeo para atender máis de 14.000 persoas

Cartaz na porta do PAC de Ribadeo. (Foto: @FSuarezRibadeo / Twitter)
"A Xunta da Galiza debera centrarse e enfocar os esforzos a estas cousas que de verdade importan", advertiu o alcalde, Fernando Suárez.

Un efectivo médico, outro enfermeiro e outro admninistrativo foron os únicos profesionais dos que este domingo dispuxo o punto de atención continuada (PAC) de Ribadeo.

O alcalde do municipio, Fernando Suárez, desprazouse até o lugar e compartiu un vídeo nas redes sociais no que denunciou a situación: "Esta é a sanidade pública que temos", lamentou.

O PAC de Ribadeo presta atención sanitaria á poboación deste concello e máis dos veciños de Barreiros e Trabada, así como ás persoas desprazadas durante o verán, é dicir, máis de 14.000 persoas.

"Estamos vivindo a dura cara do resultado da precarización da sanidade pública nestes anos. A Xunta da Galiza debera centrarse e enfocar os esforzos a estas cousas que de verdade importan", advertiu Suárez.

De forma paralela, cuestionou os problemas derivados da falta de persoal: "Se [o equipo médico] ten que saír para unha urxencia, quen queda aquí [no PAC]?".

"As infraestruturas, se non veñen acompañadas de persoal, dificilmente van cumprir a súa función", lamentou Fernando Suárez

"Está ben facer novos centros de saúde, como o que van facer aquí, e de feito terán sempre a nosa colaboración. Mais as infraestruturas, se non veñen acompañadas de persoal, dificilmente van cumprir a súa función", engadiu.

"Menos aproveitarse do Xacobeo como pozo sen fondo para sufragar mil e unha festas por aí adiante, que iso tamén é importante, mais as cousas de comer e a atención sanitaria pública de calidade son máis importantes. Para que a xente non teña que ir correndo á privada porque aquí, na pública, non hai quen atenda", concluíu o rexedor.