Un só cardiólogo para 70.000 persoas

Hospital da Mariña. (Foto: CIG)
A Plataforma do Hospital da Mariña denuncia que o centro só conta cun especialista en cardioloxía para "atender en caso de urxencia" a 70.000 persoas.

Un único cardiólogo que só atende urxencias para unha poboación de 70.000 habitantes. Esta é a situación que denuncia a Plataforma Sanitaria da Mariña, que hai uns días era coñecedora da “situación caótica” na que se atopa o servizo de cardioloxía do Hospital da Mariña. 

O cadro de persoal deste servizo estaba formado por tres especialistas que, tras unha excedencia e unha baixa, se ve reducido a un só doutor porque “o Sergas di que non atopa profesionais”, sinala en declaracións a Nós Diario a coordinadora, Montse Porteiro. 

A plataforma denuncia que a comarca queda “moi deficitaria nesta prestación básica e cunha alta incidencia tanto de patoloxía, que require seguimento, como de eventos urxentes, que fan perigar a vida das persoas”. Por iso exixen á xerencia que se “repoña e restabeleza o servizo de cardioloxía en tres especialistas, aínda que tamén é un nivel precario”, expón Porteiro. 

Déficit en case todo

Porteiro salienta que “desde que a Mariña deixou de ser área sanitaria e pasou de ser distrito a calidade da sanidade foi a peor”.

Comenta que o Hospital da Mariña non conta cunha máquina de resonancia magnética fixa, “un camión vén de vez en cando facer estas probas”, sinala. 

Noutras especialidades como reumatoloxía tamén tiveron problemas. Despois de que a especialista do servizo aceptase outra oferta de traballo, “facíanos o favor de vir unha vez á semana pasar consulta”. Agora mesmo “parece que temos un substituto estábel para esta especialidade, que xa pode atender pacientes a diario”, comenta Porteiro. 

Denuncia, así mesmo, que existe un "amplo déficit en case todo, desde médicos especialistas, enfermeiras, celadores e axuliares técnicos ".