Só as áreas sanitarias de Ourense e Ferrol manterán 100% da operatividade das súas camas no verán

Área de reanimación do hospital Montecelo, en Pontevedra. (Foto: Xunta da Galiza)
O Sergas xustifica este plan de adecuación de recursos durante o período estival no feito de que é a época na que a maioría de profesionais sanitarios fan uso das súas vacacións.

Como cada verán, as áreas sanitarias xestionadas polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) verán reducida a súa operatividade asistencial. De media, unha de cada dez camas deixarán de estar operativas durante o período estival en cinco das sete áreas sanitarias.

A área sanitaria de Vigo manterá inoperativo este verán 11% das camas funcionantes, mentres que a da Coruña e Cee 10%.

Na área sanitaria de Lugo tamén quedarán inoperativas 10% das camas. En canto á área sanitaria de Pontevedra e o Salnés, o número de camas inoperativas será de 13%.

Só ás áreas sanitarias de Ourense e Ferrol terán operativa "a totalidade da hospitalización" mentres dure o período do verán.

Así o informaron as diferentes áreas sanitarias con motivo da programación para a época estival. Estas camas, aínda que inoperativas, seguirán dispoñíbeis no caso de ser necesarias.

Análise "pormenorizada" da ocupación

No día de hoxe, as xerencias das sete áreas sanitarias presentaron a súa organización de verán, e xustificaron esta reducción de operatividade pola ocupación propia desta época do ano.

Segundo as xerencias, esta análise "pormenorizada" dos datos de ocupación "permite asegurar as necesidades de cobertura asistencial de acordo coa previsión de demanda, así como efectuar un uso racional dos recursos".

O Sergas xustifica este plan de adecuación de recursos durante o período estival no feito de que é a época na que a maioría de profesionais sanitarios fan uso das súas vacacións.

Das sete áreas sanitarias de Galicia, falta a de Santiago e Barbanza por pechar os seus datos de organización para a época estival en relación ao que, fontes da mesma, indicaron que se traballa niso.