Tres anos de prisión para os autores confesos de violacións repetidas a unha nena de sete anos en Baleira

A Audiencia Provincial de Lugo (Foto: CRTVG).
O fiscal pedía inicialmente once anos de cárcere para cada un.

Dous homes e unha muller aceptaron esta terza feira tres anos de prisión por abusar sexualmente de maneira continuada dunha nena, irmá da acusada, desde os 7 aos 13 anos, uns feitos ocorridos no municipio Baleira (comarca da Fonsagrada)

Ante o tribunal da Audiencia Provincial de Lugo, os acusados recoñeceron os feitos, que sucedían “habitualmente” no domicilio familiar dos procesados, dous irmáns e a muller dun deles.

En virtude deste acordo, aceptaron tres anos de prisión eles como autores materiais das agresións e ela como indutora.

O fiscal pedía inicialmente once anos de cárcere para cada un, pero rebaixou a súa petición a tres anos tras recoñecer as atenuantes de dilacións indebidas e reparación do dano.

 En concreto, tívose en conta que a causa leva paralizada desde 2016 e que, presuntamente, os acusados xa indemnizaron á vítima con 50.000 euros.