Social

SLG e Fruga únense para demandar que os concellos abran os mercados de alimentos de proximidade

Un mercado na Galiza (Turismo de Ourense).
"Trátase dunha actividade económica fundamental para todas aquelas familias labregas que optaron pola venda directa", aseguran ambos sindicatos. 

Sindicato Labrego Galego (SLG) e Federación Rural Galega (Fruga) realizan un chamamento conxunto aos gobernos municipais da Galiza "para que non pechen os mercados de alimentos de proximidade", xa que, aseguran, "trátase dunha actividade económica fundamental para todas aquelas familias labregas que optaron pola venda directa para comercializar as súas producións, así como para as persoas consumidoras habituais".

Porén, instan á Xunta e á Delegación do Goberno ditar as instrucións necesarias para que as autoridades municipais manteñan abertos os seus mercados de alimentos de proximidade "de cara a garantir o fornecemento dun ben esencial para a cidadanía", así como a que "asesore" a labregos e labregas que venden coas recomendacións sanitarias para evitar a transmisión do coronavirus e os contaxios no exercicio do seu traballo.

Ambos os dous sindicatos lembran que a compravenda de alimentos está protexida dentro da actual situación de emerxencia sanitaria pola expansión do coronavirus na Galiza, "permitíndose os desprazamentos a centros comerciais para a súa adquisición, mesmo con total liberdade horaria, tal e como reflexa o artigo 7 do Real Decreto 463/2020".

Desde Fruga e SLG expoñen que a recomendación de non celebrar actividades ao aire libre afecta a feiras e mercados "que supoñan concentracións de máis de 1.000 persoas". Polo que os mercados de proximidade que se celebran periodicamente na Galiza, aos que se refiren no seu comunicado conxunto, "non entrarían neste suposto, non sendo incluídos tampouco estes espazos na relación de equipamentos e actividades con apertura ao público que quedan suspendidos segundo o disposto no artigo 10 do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo".

Así mesmo, consideran que a circular "COVID 19. Directrices para medidas de xestión fronteiriza para protexer a saúde e garantir a dispoñibilidade de bens e servizos esenciais", publicada pola Comisión Europea o pasado 16 de marzo, "blinda" a circulación de alimentos na actual situación de crise. Desta maneira, apuntan que no sexto punto do segundo capítulo desta circular se di que "os Estados membros deberán preservar a libre circulación de todas as mercadorías. En particular, deberán garantir a cadea de subministración de produtos esenciais como medicamentos, equipos médicos, produtos alimentarios esenciais e perecedoiros e gando. Non se deberá impoñer ningunha restrición á circulación de mercadorías no mercado único, especialmente (sen limitarse a) bens esenciais, relacionados coa saúde e perecedoiros, nomeadamente produtos alimentarios, salvo que estean debidamente xustificados". 

Ao aire libre e sen aglomeracións

Ademais, o Sindicato Labrego Galego e a Federación Rural Galega destacan que denunciarán que os concellos que ditaminen o peche de mercados de alimentos locais "estarán a incorrer nunha interpretación excesivamente restritiva das prohibicións sanitarias dirixidas a conter a pandemia da COVID-19, e mesmo contraproducente".

"Teñamos en conta que, agora mesmo, a garantía de fornecer alimentos á poboación estase baseando na apertura de estabelecementos comerciais pechados, onde se están a dar grandes aglomeracións, e onde normalmente as consumidoras poden manter contacto manual ilimitado cos produtos que están á venda. Pola contra, os mercados locais de alimentos son ao aire libre, non padecen aglomeracións e os produtos que se venden non pasaron polas mans nin de intermediarios nin doutras consumidoras, polo que ofrecen maiores garantías sanitarias", subliñan. 

Por outra banda, fan fincapé en que se refiren a alimentos que adoitan a ser "de cultivo ecolóxico e frescos e, polo tanto, de maior calidade e máis sans" e lembran que coa interpretación actual das directrices se "estarían beneficiando ás grandes superficies comerciais e castigando inxustamente aos veciños e veciñas que venden e consumen alimentos de proximidade".