Recortes

“Situacións de total precariedade” para loitar contra a violencia machista nos xulgados

[Imaxe: Flickr] Xulgados de Vigo

“Non está xustificado un recorte coma este, é facernos traballar en situacións de total precariedade”. Esta é a opinión de Pilar Fernández, fiscal especializada en violencia machista, sobre a falta de substituta ou substituto do xuíz titular desta sección nos xulgados da Coruña. A funcionaria responsabiliza a Xunta de falta de compromiso político na loita contra esta problemática estrutural.

A resposta que se lles dá ás vítimas de violencia machista non é unha resposta de calidade debido á falta de recursos. Así o advertiu nunha entrevista na Cadena Ser Pilar Fernández, fiscal especializada en violencia machista, que puxo sobre a mesa “a falta de compromiso” da Xunta de Galiza.


“Si que se vende moita medida, pero despois os recortes e os recursos cos que traballamos non son os que deberiamos ter”, sinalou a fiscal, que lamentou que só haxa dous xulgados específicos para tratar asuntos relacionados coa violencia machista no país, na Coruña e en Vigo.

 

Precisamente, os xulgados da Coruña atópanse neste momento sen xuíza ou xuíz que cubra as vacacións do maxistrado titular por “falta de orzamento”. Unha situación que denunciou publicamente a cuarta feira o BNG, que realizou un acto simbólico diante do edificio. “Non está xustificado un recorte coma este, é facernos traballar en situacións de total precariedade”, asegurou, ao respeito.

 

En relación aos xulgados de Santiago de Compostela, sinalou que “se este xulgado leva outros asuntos, como o caso Alvia, isto é inviábel, as condicións de traballo non son as axeitadas, aínda que teña un xuíz de reforzo”. Engadiu que “lamentabelmente, non confío en que se abran máis xulgados [específicos]”.

 

Neste contexto, denunciou que Compostela segue sen contar con oficina de atención ás vítimas, “e a responsabilidade é da Xunta”. “Puxeron un lugarciño para que estean as vítimas, mais non é un sitio axeitado para ninguén. Moitas veces hai que xuntar as mulleres, testemuñas... non é un sitio axeitado cando hai espazo suficiente”, engadiu, “si falta certo compromiso político”.

 

Aumento de denuncias

 

Non é a primeira vez que unha funcionaria da xustiza directamente implicada en casos de violencia machista denuncia publicamente a falta de recursos de que dispón. En declaracións ao semanario Sermos Galiza, a xuíza de Violencia sobre a Muller do xulgado de Vigo, Paz Filgueira, ten advertido, entre outras cuestións, de que polo seu despacho pasan cada ano máis de 1.200 mulleres e que o número de gardas custodios é insuficiente, pois hai só un efectivo por cada 40-70 vítimas.

 

A falta de recursos nos xulgados galegos para a loita contra a violencia machista acrecéntase aínda máis tendo en conta o aumento no número de denuncias. Segundo os dados do Consello Xeral do Poder Xudicial, no primeiro trimestre do ano presentáronse 1.574 denuncias, cifra que era de 1.355 no primeiro trimestre de 2016.

 

Aliás, na primeira metade do ano, os xulgados galegos comunicaron un total de 832 medidas de protección, fronte ás 429 ditadas nos primeiros seis meses de 2016.

 

As cifras por xulgado

 

Precisamente, o xulgado de Vigo, do que é titular a xuíza citada, encabeza o número de denuncias presentadas nestes tres primeiros meses do ano, segundo puido comprobar Sermos Galiza, cun total de 309. Segue o de Vigo o xulgado da Coruña –que nas últimas semanas se viu na obriga de suspender vistas pola falta de xuíza ou xuíz substituto–, con 290. Son estes dous os únicos xulgados de Galiza que contan con departamento específico para asuntos relacionados coa violencia machista.

 

A continuación, sitúase Compostela, con 117 denuncias; Ourense, con 91; Lugo, con 71; Pontevedra, con 69; Ferrol, con 68; Carballo, con 37; Vilagarcía e Caldas, con 35 cada un; Ribeira, con 34; Cambados, con 31; Ponteareas, con 27; Viveiro, con 23; Monforte, con 20; Cangas e O Porriño, con 24 cada un; Lalín, con 22; Verín, con 18; Noia, Marín e O Barco con 17 cada un; Padrón e Vilalba con 14 cada un; Ordes, con 13 e Redondela, con 11. O resto de partidos xudiciais non superou as dez denuncias neste primeiro trimestre do ano.