A situación do transporte público en Ferrol

Un autocarro na cidade de Ferrol

O novo plan de transporte público da Xunta de Galiza non vai mellorar a calidade do servizo, mais na cidade de Ferrol e nas comunicacións co resto da comarca vai deteriorar aínda moito máis os servizos, xa de por si precarios.

O novo plano de transporte metropolitano da Xunta de Galiza, que ten provocado unha greve indefinida no sector, en dous aspectos claves:

 

  • Concesión mediante adxudicación directa. Onde non hai ocorrencia de competencia, e por un tempo de adxudicación de 22+2 meses. Co que estariamos no límite das próximas eleccións municipais, e durante este tempo quitaríanse de enriba os problemas de licitación que se veñen padecendo.
  • Unificación do transporte escolar e transporte regular. Un método que se vai utilizar non para melloras no servizo, senón para saltarse por riba unha Normativa Comunitaria Lei 10/2016 e unha sentenza do Tribunal Supremo do 2016, onde se evidencia que a prórroga feita polo goberno da Xunta no 2010 fíxose de maneira ilegal. Unha prórroga que normalizou durante anos que as empresas adxudicatarias compensasen os desequilibrios que mostraba o transporte regular de uso xeral entregándoselles a concesión do transporte escolar. Deste xeito pasan por alto esta normativa e esta sentenza facendo unha concesión única e unificando o transporte escolar e o regular.

 

Nunha resolución de 26 de maio pasado (DOG nº 99 29/05/2017) a Xunta gabábase da renuncia das empresas contratistas que permite unha elaboración máis áxil do proprio plan de transporte público: "A concentración territorial dos servizos públicos cuxas empresas contratistas renunciaron á continuidade na explotación facilitou a áxil elaboración dunha planificación para a elaboración do Plan de transporte público de Galicia, respondendo a unha primeira fase na cal, ao tempo que se garante a continuidade do servizo público de transporte nos termos da normativa comunitaria e da citada Lei 10/2016, do 19 de xullo, poderanse anticipar solucións de revisión da estrutura dos servizos de transporte e de integración, racionalización e coordinación de servizos”.

 

Deste xeito, non se aplica a sentenza do Tribunal Supremo, senón que se modifica o plan para que todo siga igual dentro do marco comunitario, para que as empresas concesionarias sigan incrementando os seus beneficios ao mesmo tempo que se perde calidade nos servizos. E onde vemos que a urxencia da que fala a Xunta é inxustificábel, xa que tivo un ano para poder plantexar un novo plan de transporte.

 

 

No caso de Ferrol, este plan de transporte lévase a cabo perante a ambigüidade do goberno local. Un goberno que renunciou á xestión directa do servizo de transporte que se aprobara no pleno do 28 de Abril do 2016. Un ano despois, o goberno non só non fixo nada respeito a esta xestión, senón que volveu entregar á Dirección Xeral de Mobilidade a xestión da concesión das liñas de transporte rural da cidade. Cumpre lembrar que Monbus, a comezos de ano, renunciou a seguir prestando o servizo cando acabase o seu contrato. E nesta entrega non se vai poder impoñer ningún tipo de condición nin establecer criterio ningún para que a concesión puidera servir para mellorar o transporte público na cidade. O concello ten a obriga de prestar este servizo por ter máis de 50 mil habitantes.

 

O 26 de Abril pasado, a concelleira de Urbanismo e Mobilidade, María Fernández Lemos, mantivo unha reunión co Director Xeral de Mobilidade da Xunta, Igancio Mestre. O goberno local cualificou o encontro de cordial e construtivo. Nel falousevda liña circular Doniños- San Xurxo- Covas, da conexión do centro cos distintos barrios e parroquias da cidade, así como tamén do enlace cos centros hospitalarios e os seus centros de especialidades.

 

Un servizo público que na actualidade ten unha perda de viaxeiros e unha situación precaria constante. E onde se ve que a proposta da Dirección Xeral de Mobilidade volve profundar nesa febleza do servizo, reducindo persoal e equipamento.

 

O servizo de transporte público supón en xeral a redución de gases contaminantes; custes económicos menores que o transporte privado; e a xeración de emprego estábel. Nunha cidade como Ferrol, onde se está a formular a peonalización do centro histórico, está chamado a xogar un papel fundamental na ordenación do tráfego urbano.

 

Segundo os analistas consultados por Sermos, as consecuencias da implantación en Ferrol da proposta de unificar as dúas concesións de liñas para o transporte regular e o escolar serían:

 

  • O aumento dos tempos da viaxe. Nunha liña como a 13, que dá servizo ao centro educativo Terra de Ferrol, tería unha duración de 38 minutos (que dende o peirao de Curuxeiras hai unha distancia de 6,1 km e nun transporte privado o traxecto ten unha duración de 12-15 miutos). Polo que para os viaxeiros estudantes é inasumíbel.
  • O incremento das paradas.
  • A incorporación de usuarios "non lexítimos" (lexítimo determinado polo dereito a aqueles viaxeiros que teñen de utilizar o transporte todos os días). Polo que hai unha indefinición do proprio transporte, e onde se debería facer un estudo para saber cales serían as vacantes que se van poder cubrir con usuarios do transporte regular.

 

A respeito do transporte regular suporá unha redución dos servizos, que pasan de 25 a 23 no conxunto da concesión. Ao non haber unha valoración específica das necesidades da cidade haberá unha falla de coordinación entre as dúas concesións.

 

As 5 liñas que prestaban servizo a zona rural van ficar reducidas a catro, onde hai claras deficiencias de servizo.

 

A liña Ferrol-Mandiá e que dá servizo ao Hospital Naval (centro de varias especialidades do Arquitecto Marcide) non funciona entre as 11:30 e as 16:30 durante a semana, e na fin de semana a oferta de horarios e case inexistente.

 

A liña Ferrol-A Graña reduce os servizos a 4 dende Ferrol e a 3 dende A Graña.

 

A liña Ferrol-Brión só ten un servizo de mañá e outro de tarde, e na fin de semana un servizo único. Desaparecendo a parada en Vilasanche, e cun servizo que non chega a San Felipe.

 

Liña Ferrol- Doniños- Covas, que ten unha duración de unha hora e que da que só dispoñemos de 4 servizos. Os lugares de Pazos e Santa Mariña volven quedar fóra destes servizos de trasporte público.

 

O dia 14 pasado, o goberno local, na voz da concelleira de Urbanismo e Mobilidade, volveu defender a necesidade, como xa fixera no 2015, de que esta cidade teña un sistema de xestión diferente ao marcado pola Xunta, ao mesmo tempo que presentaba as alegacións que foron entregadas ao PTM (Plan de Transporte Metropolitano) da Xunta e que mostran as melloras que se lle piden ao convenio coa cidade. Entre elas que ningún tranporte escolar debe exceder os 30 minutos, o acceso que teñen os estudantes de ensinanzas obrigatorias a utilizar o transporte público e que non cobre a totalidade do territorio, solucionar os problemas de horarios sen servizo, ou problemas de transbordo entre liñas do rural e urbanas.

 

A organización política LiGando publicou na súa web en marzo deste ano un artigo onde tamén propón unha iniciativa que fala da necesidade de crear unha empresa municipal de transporte.