A situación da sanidade pública agrávase no verán

Cartel colado no centro de saúde de Chantada (Foto: Chantada-Interior Galego Vivo).

Menos persoal médico para máis poboación. A xestión de recursos humanos da Consellaría de Sanidade durante o verán provoca o aumento das listas de agarda e a sobrecarga das urxencias 

nos hospitais.   

O aumento da poboación nalgunhas zonas da Galiza, como consecuencia do chegada de turistas e o reencontro familiar procedente da emigración, está a complicar a situación da sanidade pública. Nos municipios de costa nótase máis esta realidade. Para o médico especialista de atención primaria de Outes, Xosé María Dios, a maneira de actuar do Sergas nos veráns agrava o problema.

“Se falta pediatra en Muros mandan o de Outes, que queda sen el, e así co resto de centros”, explica a Nós Diario este profesional que coñece ben as comarcas de Muros e Noia. Ademais, “non hai médicos que queiran traballar nestas condicións laborais, mais tamén acontece coas enfermeiras, e hai moitas no desemprego”, asegura. 

Sobre este último tema, Manuel Moreira (CIG-Saúde) alerta a Nós Diario de que a falta de persoal "irá a peor nos vindeiros meses e complicarase coa tendencia de recursos humanos da Consellaría de Sanidade de facer contratos curtos".  Unha situación semellante sucede en Marín, no Morrazo, unha comarca que aumenta de poboación estes días.

A concelleira do BNG dese municipio Celia García afirmou onte que falta persoal médico e de urxencias no centro de saúde e a cidadanía padece “longas esperas”. Ademais, denunciou, mediante un comunicado de prensa, que o Goberno local “non tiña coñecemento desta circunstancia e desde a Alcaldía mesmo defenden que o ocorrido é consecuencia das baixas e vacacións”. Tamén en Pontevedra hai problemas. É o caso do centro de saúde de Raxó, en Poio, onde se trasladou desde o Concello a "preocupación" pola falta de facultativos. 

Tamén denuncian a “degradación” da sanidade pública en Chantada. O colectivo Por Chantada-Interior Galego Vivo afirmou onte nun comunicado que durante todo o mes de agosto o centro de saúde só contará con dous médicos e non cubrirá as baixas por vacacións. “Na enfermaría a situación é lamentábel. Hai tres enfermeiros xeralistas e unha de pediatría, mais non se cobre unha xubilación desde hai meses e tampouco os permisos”, aseguran. 

Este panorama, como explica Manuel Moreira, “coincide coa nefasta xestión das vacacións do persoal”. Sen datos precisos, “outra vítima da política que segue a Consellaría de Sanidade”, este sindicalista apunta a alarma polo aumento das listas de agarda e a “deixar de facer a actividade programada que tiñan os centros de saúde”, polo que quedan sen seguimento “os enfermos crónicos”. Esta é unha das razóns polas que, para Moreira, “as urxencias hospitalarias sofren sobrecargas tamén”. 

Denuncias nas redes

Durante o verán, tamén as redes sociais serven de punto de denuncia. A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña expón casos como o do Hospital da Mariña, onde unha paciente de Alergoloxía leva 14 meses en lista de agarda para unha última proba que, en condicións normais, faría aos dous meses.

Outra doente relata que unha revisión de reumatoloxía pedida para tres meses tardou 19 meses en levarse a cabo malia ter presentado reclamacións. “Cando chegas á consulta a proba ten máis dun ano e ao pedir ir a Lugo din que non podes porque hai Reumatoloxía en Burela”, conclúe.