Situación complicada en Monteseiro, na Fonsagrada, onde un incendio activo calcina xa 120 hectáreas
Segue activo o incendio forestal do concello da Fonsagrada, na parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas da terza feira e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, até o momento, seis técnicos, 37 axentes, 47 brigadas, 51 motobombas, tres pas, sete helicópteros e oito avións.
Tamén na Fonsagrada, está xa controlado desde as 21.30 desta quinta feira o incendio rexistrado na parroquia de Cereixido, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 20 hectáreas. Este fogo iniciouse a cuarta feira ás 13.07 horas e, para a súa extinción mobilizáronse, até o momento, dous técnicos, 11 axentes, 17 brigadas, 17 motobombas, tres pas, cinco helicópteros e cinco avións.
Estabilizado As Pontes-O Freixo
Segue estabilizado desde as 13.34 horas desta quinta feira o incendio forestal do concello das Pontes (O Eume), na parroquia do Freixo, que segundo as últimas estimacións rolda as 20 hectáreas de afectación. O fogo iniciouse ás 22.03 horas desta cuarta feira e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 13 axentes, 20 brigadas, 16 motobombas, unha pa e un helicóptero.
Controlado Camariñas-Xaviña
Segue controlado desde as 07.16 horas desta quinta feira o incendio forestal do municipio de Camariñas (Terra de Soneira), na parroquia de Xaviña. O fogo iniciouse ás 16.57 horas desta terza feira e foi necesario decretar a Situación 2, unha situación operativa de emerxencia que se desactivou ás 19.58 horas desta cuarta feira.
Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 50 hectáreas e para a súa extinción mobilizáronse até o momento tres técnicos, 23 axentes, 24 brigadas, 20 motobombas, tres pas e catro helicópteros. Tamén participaron nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Controlado Ponteceso-Corme Aldea
Está tamén controlado desde as 23.52 horas desta cuarta feira o incendio forestal da localidade de Ponteceso (Bergantiños), na parroquia de Corme Aldea, no que xa se desactivou a Situación 2 ás 19.58 horas desta cuarta feira. O fogo iniciouse ás 14.12 horas desta terza feira e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 60 hectáreas.
Até o momento, para a súa extinción mobilizáronse sete técnicos, 21 axentes, 25 brigadas, 19 motobombas, catro pas e tres unidades técnicas de apoio. Ao longo desta quinta feira puideron incorporarse aos labores de extinción medios aéreos, grazas a unha mellora das condicións meteorolóxicas. Ademais, participaron nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Controlado Ponteceso-Brantuas
Continúa controlado desde as 19.13 horas desta cuarta feira outro incendio neste mesmo concello de Ponteceso, na parroquia de Brantuas, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 200 hectáreas. O fogo comezou ás 20.30 horas do pasado sábado e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción cinco técnicos, 26 axentes, 29 brigadas, 22 motobombas, dúas pas, catro unidades técnicas de apoio, tres helicópteros e 11 avións.
Controlado Vilardevós-Terroso
Permanece controlado desde as 21.47 horas desta segunda feira o incendio do concello de Vilardevós (comarca de Verín), na parroquia de Terroso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 570 hectáreas. Neste incendio foi preciso decretar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación, unha situación operativa de emerxencia que foi desactivada ás 22.15 horas do domingo.
O incendio iniciouse ás 23.04 horas da pasada sexta feira e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 12 técnicos, 68 axentes, 98 brigadas, 64 motobombas, tres unidades técnicas de apoio, seis pas, 12 helicópteros e 12 avións. Ademais, tamén participaron nos labores de extinción de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Controlado As Neves-San Pedro de Batalláns
Desde as 22.01 horas desta quinta feira está controlado o incendio forestal do concello das Neves (O Condado), na parroquia de San Pedro de Batalláns, no que foi necesario decretar a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ás vivendas, unha situación operativa de emerxencia que xa foi desactivada.
O fogo iniciouse ás 16.41 horas desta cuarta feira e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de máis de 50 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, até o momento, seis técnicos, 14 axentes, 23 brigadas, 17 motobombas, catro pas, tres unidades técnicas de apoio, seis helicópteros e dous avións.
Controlado Salceda de Caselas-A Picoña
Ás 18.58 horas desta quinta feira quedou controlado o incendio do concello de Salceda de Caselas (comarca de Vigo), na parroquia da Picoña, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 80 hectáreas. O fogo iniciouse ás 16.17 horas desta cuarta feira e foi necesario decretar a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade do fogo ao núcleo de poboación de Pedrapinta, situación operativa de emerxencia que xa foi desactivada.
Para a súa extinción mobilizáronse até o de agora tres técnicos, 13 axentes, 23 brigadas, 16 motobombas, dúas pas, catro helicópteros e dous avións. Ademais, tamén participaron nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).