Social

Sito Miñanco pide saír de prisión por pertencer a grupos de risco da COVID-19

Sito Miñanco na Audiencia de Pontevedra (José Fernández/EP).
O narcotraficante José Ramón Prado Bugallo, alias Sito Miñanco, que permanece en prisión preventiva desde 2018, cre que nin o xulgado nin Institucións Penitenciarias poden garantir "o seu dereito á vida e integridade física".

O narcotraficante José Ramón Prado Bugallo, alias Sito Miñanco, que permanece en prisión preventiva despois de que fose detido por orde da Audiencia Nacional en febreiro de 2018, pediu ser excarcerado porque, pola pandemia de coronavirus, considera que pertence a varios grupos de risco. Cre que nin o xulgado nin Institucións Penitenciarias poden garantir "o seu dereito á vida e integridade física".

Fontes da defensa do narco consultadas por Europa Press apuntan que tampouco se garante que teña acceso a un tratamento médico en caso de enfermar por COVID-19, e engaden que fallan medios de protección axeitados tanto no interior da prisión como fóra dela.

Sito Miñanco foi detido en 2018 ao intentar introducir no Estado máis de 4.000 quilos de cocaína en dous operativos diferentes que foron truncados polos investigadores, e permanece en prisión preventiva dado que a causa segue en instrución na Audiencia Nacional. Paralelamente, foi xulgado a principios de 2019 pola Audiencia Provincial de Pontevedra por branqueo de capitais, e por iso foi condenado a catro anos de cárcere e a pagar unha multa de seis millóns de euros.

O xuíz asume a responsabilidade

Segundo explican estas mesmas fontes, unha vez que se acreditou no escrito (que presentou a defensa do narcotraficante con data 31 de marzo) que pertence a poboación de risco, o xuíz "asume persoalmente a posición de garante" e por tanto, aseveran, é "responsábel incluso penalmente da súa enfermidade, morte ou secuelas en caso de producirse".. 

Segundo estas fontes, Miñanco asegura no escrito que en caso de ser excarcerado durante este período de confinamento, ten un domicilio familiar no que residir, e suma a isto que hoxe en día o Estado español enteiro "é unha prisión domiciliaria para os seus habitantes", polo que non ve problema en pasar o período que dure o estado de alarma na súa casa.