O sistema de rastrexo de casos do Sergas, colapsado e sen capacidade diagnóstica

As e os médicos da Atención Primaria deben decidir se unha persoa que xa comunicou un positivo cun test de antíxenos se somete a unha PCR (Foto: Europa Press).
"Se te empezas atopar mal, chama o teu médico e que el valore se precisas unha PCR. Mentres, permanece illado". Esa foi a resposta que recibiu unha persoa que notificou o seu positivo cun test de antíxenos no seu domicilio. Un caso activo non é considerado como tal até que non é ratificado cunha proba PCR.

"Nestes intres todos os nosos operadores están ocupados. Por favor, volva intentalo máis tarde". Esa é a resposta automática que moitas persoas sospeitosas de portaren a Covid-19 están a atopar cando contactan co número de teléfono 900 400 116, habilitado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) para atender as cuestións referidas aos contaxios.

Na pasada cuarta feira, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciaba a incorporación dun novo servizo a través deste teléfono, destinado a atender as persoas que obtiveron un resultado positivo cun test de antíxenos realizado nos seus respectivos domicilios, a fin de notificalo e que a rede de rastrexo do Sergas as citase para se someteren a unha proba PCR que ratifique o contaxio.

O obxectivo desta medida, dixo, é "dispor dun sistema áxil de citación e evitar a saturación dos Puntos de Atención Continuada (PAC) e os hospitais", para liberar de carga de traballo, fundamentalmente, as e os profesionais da Atención Primaria.

Mais, debido ao exponencial incremento da transmisión vírica das últimas datas, a realidade está a ser distinta. Nós Diario tivo acceso a diferentes testemuños, coma o de Pablo e Samantha, residentes en Compostela. Ambos os dous, conviventes, deron positivo no test de antíxenos que fixeron na súa vivenda na sexta feira.

Após comunicalo —logo de varios intentos— ao sistema de rastrexadores, a rapaza, que tiña un cadro sintomático agudo, foi remitida ao seu médico de cabeceira, quen, á súa vez, lle deu cita para unha PCR ese mesmo día.

Pablo, en cambio, aínda agarda a chamada do Sergas malia ter comunicado a súa situación e os seus datos de contacto. "Se te empezas atopar mal, chama o teu médico e que el valore se precisas unha PCR. Mentres, permanece illado", dixéronlle finalmente, en contra do anunciado polo conselleiro.

Cómpre lembrar que, na súa comparecencia da cuarta feira, o responsábel de Sanidade acusara a mocidade de "ocultar" os seus contactos estreitos, malia que agora o propio sistema semella non contar cos recursos suficientes para facer o propio.

Segundo puido constatar este xornal, a Xunta non contabiliza un positivo como caso activo até que é confirmado cunha proba PCR, polo que as persoas que son illadas após notificar un contaxio por un test de antíxenos non entrarían no cómputo global de non seren chamadas polo Sergas para ratificalo.

O BNG pide máis rastrexadores

A este respecto, a deputada do BNG Montse Prado anunciou nesta sexta feira que o conselleiro deberá comparecer en sede parlamentaria —a petición da forza nacionalista— para explicar as medidas que está a adoptar a Xunta durante a quinta vaga.

"É inaudito que sigamos sen suficientes rastrexadores e se derive esa función a unha Atención Primaria sobrecargada ou se tente suplir esa deficiencia coa autoxestión nos test de antíxenos por parte da cidadanía.16 meses de pandemia e atopámonos con que a Xunta  aínda non conta cun sistema de rastrexo eficiente", dixo, sobre un sistema que funciona "de un modo caótico, errático e sen coordinación".