Os sindicatos ven como un "paliativo" a ampliación de prazas docentes técnicas de FP na oferta de emprego público

Reunión sobre o corpo de profesorado técnico de FP (Foto: Europa Press)
A mesa sectorial do ensino analizou a ampliación da oferta pública de emprego de 2020 destinada a profesorado técnico de FP por parte da Consellaría de Educación, que ascende a un total de 240 prazas, con 24 especialidades.
O incremento de prazas, de cara ao concurso que se realizará o ano que vén responde, segundo sinala a propia Xunta, co obxectivo de "paliar a incerteza na que a 'Lei  Celaá' deixará a este colectivo". 

A reforma lexislativa docente, cuxa aprobación e entrada en vigor está prevista para as vindeiras semanas, regula a extinción deste corpo técnico e a súa integración no de profesorado de Secundaria.

Segundo advirten as centrais, este cambio pode supor o paro para docentes interinos cunha longa traxectoria profesional ás costas. Neste contexto, a reunión da mesa sectorial confirmou o aumento destas prazas na oferta de 2020. 

Para a CIG, a ampliación "pode entenderse como unha saída a un problema creado pola exclusión de determinadas titulacións para acceder ao corpo de profesorado de Secundaria, mais ten tamén efectos colaterais preocupantes".

O sindicato nacionalistas apoia a integración do conxunto docente nun único corpo, pero non comparte o procedemento elixido polo Ministerio de Educación, "que exclúe un colectivo importante de docentes de FP".

"Este profesorado sae desprezado polo cambio de norma", estima o seu secretario xeral, Suso Bermello, quen entende que o problema vai "moito máis alá da mera ampliación de prazas", xa que obrigará este colectivo a enfrontarse a unha competitividade "dificilísima", unha vez entre en vigor a nova lei, pola que os criterios do proceso selectivo serán os do corpo de Secundaria. "Non mediron os danos colaterais da medida", insistiu Bermello, quen advertiu de que se trata "dunha discriminación para miles de persoas".

Para José Fuentes, de CCOO Ensino, a decisión supón "un método paliativo" ao problema que xera a Lomloe e non a solución para as e os profesionais deste corpo que carecen de titulación ou que contan cunha que non alcanza o grao, que, unha vez entre en vigor a lei, terán esta única oportunidade para presentarse ás probas.

Desde ANPE reclaman un proceso de estabilización paralelo e diferenciado para persoal interino que cumpra certos requisitos de ano de servizo.