Asociacións estudantís e ANPA apoian o paro dos días 10 e 16

Os sindicatos tachan de "ineficaces e perigosas" as medidas de Educación

Manifestación diante da Consellaría de Educación. / Arxina
As dúas confederacións de ANPA (Asociacións de Nais e Pais) e os sindicatos do estudantado, Erguer e Anega, arrouparon esta mañá as organizacións sindicais que convocan a folga no ensino público e que esta mañá se manifestaron diante da Consellaría de Educación en Compostela para reinvidicar unha serie de medidas de cara ao inicio do novo curso. 

As organizacións convocan folga os días 10 e 16 de setembro, pola coincidencia co inicio de curso nas etapas de Infantil, Primaria e Educación Especial, e nas de Secundaria, Bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial, respectivamente. Tal e como se recolle no manifesto que leron diante da Consellaría, “o ensino non pode parar por unha crise sanitaria tan duradeira como a que estamos a vivir, terase que readaptar, reorganizar, adquirir outras competencias e deseñar doutra maneira, pero ten que continuar”.

No mesmo manifesto engaden, en relación cos protocolos sanitarios divulgados desde a Xunta a finais do pasado mes, que as súas instrucións “non só son ineficaces senón mesmo perigosas para a saúde do alumnado, o profesorado e o persoal non docente galego, o que por extensión implica sociedade no seu conxunto”, afirman.

Representantes das familias e do alumnado puxéronlle deberes ao “novo” conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que, segundo afirman os sindicaos, "coñece ben o seu departamento e debería empezar por recibir todas as organizacións representativas da comunidade educativa para rectificar o nefasto protocolo que levou a convocatoria desta folga".

Entre as principais reivindicacións recollidas no manifesto, reclaman que se eliminen as desigualdades entre Primaria e Secundaria e que “o metro e medio de distancia de seguridade se implante para todo o alumnado galego, garantindo así unha seguridade obxectiva que exceda o concepto de grupo de convivencia estábel”. Segundo as organizacións asinantes, esta distancia "debe aplicarse tamén nos servizos complementarios de transporte, de comedores, de madrugadores e de actividades de conciliación que se desenvolvan ao abeiro da actividade educativa", todo isto co obxectivo de "garantir a protección cos criterios obxectivos que marcan as autoridades sanitarias".

O manifesto contempla unha mención especial para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, xa que se trata de persoas "que levan seis meses totalmente desatendidas e que deben asistirse de forma prioritaria e con todos os recursos necesarios". Referíndose ao mesmo tipo de alumnado, o manifesto exixe "a contratación de máis profesorado "e reclama "máis efectivos de limpeza para que sexa realmente persoal cualificado o que realice estas funcións, así como a dotación de partidas específicas para que os centros poidan facer fronte a todos os gastos derivados da compra de material de hixiene e protección e, nomeadamente, das máscaras de alumnado e profesorado".

Os sindicatos, promotores do manifesto e das folgas das vindeiras xornadas, lembraron que a "Administración educativa é a última e única responsábel de todo o que ocorra nos centros educativos". Para engadir que “debe ser quen avale os plans de adaptación, así como os plans de continxencia, e tamén quen deseñe e garanta os anexos protocolarios das actividades complementares que se realicen desde as ANPA ou os concellos", recalcan o comunicado.