Os sindicatos piden a demisión de Quintana pola súa ''nefasta xestión'' da vaga de incendios

CIG, CCOO, UXT e CSIF recriminan á conselleira de Medio-Rural a súa “inpetitude manifesta”. No que vai de ano 2015 ardeu o duplo de superficie (5.000 hectáreas) que no 2014, afirman.

As centrais sindicais CIG, CCOO, UXT e CSIF piden a demisión da conselleira de Medio Rural e do secretario xeral de Montes por entender que a súa xestión da vaga de incendios que asola Galiza está a ser “nefasta”. Nun comunicado, os sindicatos din que o país está a vivir unha “situación de emerxencia” polos lumes e que a Xunta non está a actuar en consecuencia. “Tan só desde o día 16 de xullo levan ardidas máis de 2000 Ha, o equivalente a 2000 campos de fútbol, superando xa no 2015 as 4900 Ha ardidas, máis do dobre que no ano 2014 na que arderon segundo os datos oficiais da Consellería 2002,6 Ha”.

“En apenas 10 días a superficie que ardeu en Galiza equival a 2.000 campos de fútbol”


Os representantes dos traballadores do servizo público de extinción de incendios da Xunta consideran que a Consellería “segue a actuar do mesmo xeito ano tras ano, dando declaracións a prensa de datos ficticios dos efectivos cos que realmente conta, xa que, os datos de persoal que aparecen no PLADIGA 2015 para nada son un reflexo da realidade existente no monte. Lembran que levan tempo advertindo do “abandono total que se está producindo no Servizo Público de extinción de incendios forestais da Xunta, por parte dos dirixentes da Consellería de Medio Rural: multitude de prazas vacantes nos 19 distritos sen cubrir por aforrar cartos, material técnico e mecánico obsoleto e disgregación do dispositivo público en multitude de empresas que orixinan descoordinación.”