A Xunta de persoal cifra nun 90% o seguimento da greve na área sanitaria de Vigo

[Imaxe CCOO]

Por volta de dúas mil persoas secundaron a manifestación convocada pola Xunta de persoal mentres no Álvaro Cunqueiro unha tubería de augas fecais enchoupou unha sala de urxencias. VÍDEO NO INTERIOR. 

 

A greve de 24 horas convocada na área sanitaria de Vigo está a ter un amplo seguimento, por volta dun 90%, segundo os sindicatos e a Xunta de Persoal --embora o Sergas a reduce ao 30%. Ao paro, de 8:00 horas desta terza feira a 8:00 da cuarta, están convocados máis de cinco mil traballadores. A mobilización faise en defensa da sanidade pública e contra a privatización, coa crítica á “desfeita” do novo hospital de Vigo como emblema principal.

A demanda dun parking grauito, uns ratios de persoal axeitados, a reversión da concesión, que se paralice a privatización dos celadores... son algunhas das demandas desta greve a respeito do novo hospital, o Álvaro Cunqueiro (HAC). A propia Xunta de persoal do Chuvi explica os motivos de convocar este paro: "Falla de persoal necesario, as malas e escasas infraestructuras, a suspensión de intervencións cirúrxicas, o incremento das listas de espera, as dietas dos doentes, o parking privado, a privatización dos traballadores son consecuencias da xestión privada e do obsceno negocio privado no que convertiron a sanidade. Negocio a conta da saúde e do peto dos cidadáns". A greve tamén está convocada tamén para o Meixoeiro e o Nicolás Peña, non para Atención Primaria. Ás 12:00 da mañá houbo concentracións no HAC e Meixoeiro. 

Tamén foi xornada de folga no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, que os sindicatos convocantes cifran nun 80%. De por parte, o persoal do Chuac da Coruña denuncia a “situación de emerxencia” que se está a producir nalgunhas unidades por mor, afirma, dos “recortes de persoal”.

Durante a tarde, por volta de dous milleiros de persoas percorreron as rúas que lindan co Hospital Xeral en defensa da sanidade pública. Nese momento, unha tubería de augas fecais enchoupou a sala de reanimación das urxencias deixando en evidencia a calidade das infraestruturas dun hospital que apenas leva uns meses aberto.