Bota a andar a "Alianza Social Galega" cunha posíbel Folga Xeral en axenda

Sindicatos e movementos sociais únense nunha “Alianza Social Galega” contra a política de recortes do PP. A Alianza Social Galega quere fortalecer a unidade de acción que caracterizou os últimos procesos mobilizadores. Unha das súas propostas sería a convocatoria dunha Folga xeral en novembro.

Ao fío da dinámica de unidade na acción que está a caracterizar a meirande parte dos procesos de mobilización, CIG, UGT e CCOO xunto a representantes de arredor de sesenta organizacións sindicais e sociais de Galiza impulsaron a primeira xuntanza da Alianza Social Galega. Trátase dunha macroplataforma que xorde co obxecto de fortalecer a unidade para dar resposta as políticas de recortes, mais non só.

Folga xeral en novembro

A Alianza non se limitará a estimular a protesta senón que se fixa como propósito formular alternativas cara a unha saída social da crise, entre as que se incluiría unha eventual convocatoria de folga xeral en novembro. "Que ninguén se leve a engano, vai haber folga en novembro" apuntou o Secretario Xeral do SN de CCOO en Galiza, Xosé Manuel Sánchez Aguión.

O 18 farán público o seu manifesto

Canda as tres principais centrais sindicais, outros sindicatos minoritarios e sectoriais, ONGs, asociacións culturais, autónom@s, asociacións de nais e pais, movemento veciñal ou diversas plataformas de afectad@s, verberarán a macroplataforma galega.

A reunión de traballo de onte serviu para poñer as bases sobre as que botará a andar a Alianza, que o vindeiro día 18 celebrará un novo encontro no que farán público o seu manifesto fundacional, no que se recollerán as súas principais propostas, e a relación definitiva de todas as organización e colectivos que adhiren á Alianza, que nace cunha vocación “aberta e de incorporar”, como sinalou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo.