Os sindicatos do ensino avisan: "O curso non pode comezar con este protocolo"

Carreiro (UXT), Díaz (ANPE), Bermello (CIG) e López (CCOO) expuxeron os motivos contra o plan da Xunta para a volta ás aulas. (Arxina)
Os sindicatos educativos convocan para a semana vindeira, o día 22, a primeira concentración contra o protocolo elaborado pola Xunta para a adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros de ensino galegos de cara ao reinicio do curso, por considerar "inasumíbeis" as medidas e os prazos que se marcan na proposta. 

Para detallar os motivos que levaron as catro principais organizacións –CIG, UXT, CCOO e ANPE– a abandonar a pasada quinta feira a mesa sectorial na que debían analizar xunto coa Consellaría de Educación o documento, representantes de todas elas compareceron onte en Compostela, e avanzaron tamén o calendario de mobilizacións, que comezará os días 22 e 28, ás 11.30 horas, diante das dependencias da Consellaría en San Caetano.

"Temos vontade de achegar solucións pero sempre que se poñan recursos enriba da mesa", sinalan na CIG, o sindicato maioritario no sector, desde o que chaman toda a comunidade educativa a secundar a protesta, avisando de que as convocatorias se retomarán o 1 de setembro no caso de que  a Xunta siga a rexeitar "outra proposta viábel que garanta a seguridade de profesorado e alumnado". Doutro modo, "o curso non pode comezar con normalidade", avisan. 

Reclamación unitaria 

Como xa reclamara de forma unitaria na mesa sectorial, a representación do persoal docente exixe a retirada da proposta para abrir un novo proceso de redacción que conte coas voces da comunidade escolar, que desde o inicio da crise sanitaria veñen pedindo un reforzo de profesorado que permita baixar o número de estudantes por aula, de cara a aumentar a distancia interpersoal –o protocolo estabelece un metro dentro das aulas–, ademais de persoal sanitario, de limpeza e de apoio a servizos complementarios como o comedor escolar ou o transporte ou, "bazas importantísimas para a conciliación das familias e para un trato igualitario de todo o alumnado".

"O protocolo non minimiza os riscos de contaxio, ao non garantir a distancia de seguridade", considera o secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, quen indica que a súa aplicación suporía ademais unha mingua na calidade educativa, na innovación pedagóxica e na atención á diversidade.  

Como censura, a proposta da Xunta implica ademais "unha asunción de responsabilidades que lle corresponde xestionar á propia Consellaría, como a elaboración de plans de continxencia nos centros, a compra de material de prevención e hixiene ou a vixilancia do cumprimento das medidas de protección", mentres que omite unha planificación da teledocencia, para o caso de que sexa necesaria. Nesa liña, o portavoz da CIG advirte tamén que a posta en práctica das directrices é inviábel polos prazos –entre o 1 de setembro e o 10, cando comeza o curso– e polo "aumento de burocracia e a suma de tarefas que se carga sobre os centros", desde vixilancia e supervisión do alumnado, tarefas de desinfección e adaptación pedagóxica ás novas esixencias na aula.

Para a secretaria do sector de Ensino de UXT, Paula Carreiro, a Xunta "deixa á súa sorte" o inicio de curso. "É un problema social do que se está desvinculando", denuncia, con mención específica á falta de medidas que a Consellaría contempla para centros de educación especial e áreas como Música ou Educación Física. Tal e como salientan os catro sindicatos, Gobernos territoriais como o de Andalucía, Asturias ou Catalunya, entre outros, xa anunciaron a contratación de profesorado, ao contrario que a Xunta, á que acusan de "economicismo".

"Non se pode planificar o próximo curso sen contratar máis docentes e sen reducir as ratios", expón, pola súa banda, Luz López, secretaria xeral da federación de Ensino de CCOO, quen alerta de que, co protocolo, a función educativa "pasa a segundo plano" mentres se delegan nas docentes "responsabilidades e funcións que non lles son propias", como a limpeza e a desinfección do material e mobiliario. 

Na mesma liña, o presidente de ANPE Galiza, Julio Díaz Escolante, alerta da "enorme responsabilidade" que se fai recaer nos equipos directivos, que terán que asumir "mesmo funcións sanitarias".