Sindicatos denuncian o uso inadecuado dos contratos por emerxencia sanitaria

Denuncian a contratación de persoal por mor da emerxencia sanitaria para atender necesidades estruturais. (Foto: David Zorrakino / Europa Press).
A falta de persoal sanitario suficiente para atender as esixencias da Covid-19 derivou durante a pandemia no anuncio dun reforzo que a Xunta da Galiza fiou á continuidade dos residentes como especialistas de área baixo supervisión e á contratación por emerxencia sanitaria, dúas fórmulas cuxo uso non convence os sindicatos.

A Xerencia da área sanitaria de Vigo resolveu a finais de 2020 non renovar o vínculo do Sergas con dous facultativos especialistas en Traumatoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro que nos últimos meses viñan desenvolvendo un labor de apoio ao servizo de Medicina Interna do mesmo centro en virtude dun contrato específico vinculado á emerxencia sanitaria derivada da pandemia da Covid-19.

A denuncia parte dos propios especialistas hospitalarios e do sindicato Omega, que conduciu o asunto ante a dirección da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo para coñecer as razóns que levaron a área sanitaria a prescindir destes dous profesionais. 

"Non fan falta"

"A Administración galega dixo no seu momento que se ían renovar todos os contratos vinculados á Covid, mais agora a Xerencia de Vigo manifesta que 'non fan falta', que non teñen necesidade destes dous traumatólogos e que por iso decidiron rescindir o seu vínculo con eles", asegura a Nós Diario Manuel Rodríguez.

A decisión do Servizo Galego de Saúde de prescindir destes dous especialistas médicos produciuse "a raíz da resolución dun concurso de traslados", explican desde a CIG-Saúde en Vigo. "A incorporación da persoa titular dunha praza vacante, como era o caso, obriga o cesamento ou a fin de nomeamento de quen a ocupa de forma provisional de forma irremediábel", aclara Manuel González Moreira

A Xerencia recoñeceu que tal como está a actividade, non precisan dos servizos destes dous especialistas para atender a actividade ordinaria

"Así o recolle a lei. Ben é certo que o Sergas non ten por que romper o seu vínculo con estes profesionais. De feito, así llo trasladamos á Xerencia. Como é que deixades marchar dous profesionais no máis duro da pandemia? E a resposta foi que neste momento, tal como está a actividade, non precisan dos servizos destes dous especialistas para atender a actividade ordinaria".

Calquera médico, nesta situación, é necesario

"Estanse facendo as cousas a capricho e mal", censura o secretario xeral do sindicato de Médicos Independentes da Galiza para criticar "o sistema ditatorial do Sergas", a quen acusa de abusar  dun "modelo de contratación de curta duración" que mantén o persoal médico eventual nun réxime de "escravitude" agravado pola pandemia.

"Calquera médico, nesta situación, é necesario", defende Manuel Rodríguez. "Igual non está cualificado para atender directamente o tratamento da Covid pero está cualificado para desenvolver outras moitas funcións" e responder ás necesidades asistenciais causadas polo coronavirus.

Covid e temporalidade

Fontes sanitarias consultadas por este xornal aseguran que tras a perda destes dous profesionais, especialistas en Traumatoloxía, a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo xa comunicou a dúas facultativas especialistas en Cardioloxía "que o seu contrato Covid finalizará o 31 de marzo", sen opción de renovación.

Outro exemplo, denuncia, que pon o foco na temporalidade, na precariedade do persoal sanitario eventual e no "mal uso" dos contratos por emerxencia sanitaria.

Após a decisión da Xunta de prolongar a contratación dos médicos residentes de último ano por mor da pandemia, o Goberno galego anunciou o reforzo do cadro de persoal do sistema público de saúde con máis dun milleiro de contratos eventuais por emerxencia sanitaria a partir de decembro.

A CIG-Saúde non asinou o acordo desas novas fórmulas contractuais "porque críamos que non se aseguraba que eses contratos fosen a maiores para poder incrementar a carga de traballo de acordo coas necesidades asistenciais", aclara González Moreira. "O que defendemos son contratos longos e estábeis para dar resposta a ese aumento da demanda e o que vemos é que se están usando para cubrir ausencias previstas e mesmo baixas que non están relacionadas co coronavirus".

Hai especialistas con contrato Covid que atenden necesidades estruturais non relacionadas co coronavirus

O sindicato nacionalista amósase preocupado polo uso inadecuado dos novos contratos por emerxencias sanitarias, dos que cada EOXI dispón baixo distintos criterios. Así o confirma a Nós Diario o colectivo de  Facultativos Eventuais Galegos en Loita (Fegal). "Atopamos que hai especialistas con contrato Covid que atenden necesidades estruturais non relacionadas co coronavirus e facultativos que se ocupan da Covid cun contrato por acumulación de tarefas. Ademais, segundo as especialidades e a área sanitaria, as data de renovación dos contratos por emerxencia sanitaria varían. Hainos que renovan mes a mes, outros que han renovar o 28 de febreiro e outros o 31 de marzo". 

Estabilidade

Desde Fegal urxen estabilidade e "fixeza", unha medida ditada desde Europa para acabar coa precariedade que afecta a 40% dos especialistas hospitalarios eventuais "fronte a 10% que di o Sergas", matizan.

Acabar coa temporalidade, recalcan desde a CIG-Saúde, "pasa por converter en interinidades todos os contratos eventuais que responden a necesidades estruturais". Compren prazas orzamentadas para podelas sacar a concurso e estabilizar o persoal, e mentres tanto, "urxe integrar os facultativos especialistas de área no pacto de contratacións", asegura Manuel González Moreira.