Sanidade pública

Moaña, sen pediatra: as crianzas con urxencias deben acudir ao Cunqueiro de Vigo

A falta de pediatras non é nova nos ambulatorios galegos. (Foto: Europa Press)
Sindicatos alertan de que se agravará a situación no verán pola falta de cobertura de baixas e vacacións.

"Debido á ausencia de pediatra no centro de saúde no día de hoxe, as consultas urxentes deberán acudir ao servizo de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro". Con este cartaz pendurado nas portas de acceso amenceu esta sexta feira o ambulatorio de Moaña (O Morrazo), unha localidade que leva xa un ano e medio mobilizándose a conta das múltiples eivas en materia de asistencia sanitaria.

Os sindicatos fixéronse eco da falta dun profesional de Pediatría no centro médico ao longo desta xornada, unha ausencia que obrigou a desviar as urxencias infantís ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Desde CCOO, María José Diéguez lamentou o "caos" que supón esta situación, que non é nova e que provoca que os pais e nais se vexan obrigados a acudir cos seus fillos a Urxencias en na cidade olívica.

A falta de pediatras, precisa Diéguez, "empeorará" durante o verán, xa que non se están a cubrir os postos vacantes e, cando os facultativos collen vacacións, algúns centros, como o moañés, quedan sen persoal ningún á fronte deste servizo.

Precisamente isto é o que ocorreu esta sexta feira en Moaña, onde un dos especialistas está de baixa e sen substituto e o outro, de vacacións, polo que durante a xornada non había ningún pediatra.

Situación semellante produciuse no centro de saúde Nicolás Peña de Vigo, onde só hai un pediatra pola mañá, xa que se aceptou o traslado do profesional das tardes a outra praza e non se substituíu. As crianzas teñen que acudir ás Uurxencias do hospital se se atopan mal pola tarde.

O pasado mes de xaneiro máis dun cento de veciños e veciñas de Moaña protestaron en Santiago, ás portas do Parlamento galego, para exixir melloras na sanidade dese municipio, en concreto a volta do servizo de Urxencias ao seu Punto de Atención Continuada (PAC).

201 concellos, sen servizo

Son 201 os concellos galegos que carecen de servizo de Pediatría. Segundo os datos que vén de facer públicos o Instituto Galego de Estatística (IGE), referentes a 2022, 64,2% dos municipios da Galiza non contan con servizo de Pediatría. Dentro do 35,5% restante, en 13,1% dos concellos presta a atención pediátrica persoal médico sen titulación nin formación axeitada. Ademais, nese 35,5%, unha porcentaxe significativa das prazas dotadas polo Goberno galego permanecen vacantes durante unha parte do ano, sendo esta situación permanente en 4,6% deses concellos.

Esa falta de pediatras xa a adiantara, ao pouco tempo de tomar posesión do cargo, a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo. "A xente ten que entender que seguramente non poderá haber un pediatra en cada centro de saúde", afirmara en outubro pasado. Unhas polémicas declaracións que suscitaron múltiples críticas.