Sindicatos animan as direccións dos centros de ensino a rexeitar o Protocolo da Covid da Xunta

(Europa Press)

Anuncian que apoiarán a aqueles que decidan dimitir.

As catro organizacións sindicais da Mesa Sectorial de Educación (CIG. CCOO, UXT e CSIF) remitíronlle un escrito ás direccións dos centros de ensino nas que se solidarizan “coa situación de indefensión, mesmo de carácter legal, que se pode producir de implantarse un Protocolo que os responsabiliza de funcións que lle corresponden á administración ou a servizos técnicos de prevención e sanitarios”.

No documento facilitan un modelo para amosar o seu rexeitamento ás intencións da Xunta e para reclamar o aumento de persoal docente e non docente que garanta a distancia de seguridade nos centros e diminuír así o risco de contaxio de coronavirus nas aulas.

 No escrito as catro centrais acusan a Consellaría de Educación de elaborar o protocolo para a COVID-19 de forma unilateral e de pretender comezar o curso nunha “situación de case normalidade”.

Con este protocolo o único que fai a administración, afirma, é “lavar as mans e trasladar a responsabilidade ao profesorado e fundamentalmente aos equipos directivos, como xa fixo durante o estado de alarma e ao final deste curso académico”.

“Tal e como estes días os propios equipos directivos lle manifestaron aos sindicatos, levar a cabo todo o que inclúe o protocolo sen a redución de ratios nin o incremento de persoal docente, non docente, de limpeza e de vixilancia do comedor fai inviábel a súa efectividade”, sinalan no comunicado.

“Todo o plan dá resposta a un principio economicista que pretende a volta ás aulas a custe cero. Iniciar nestas condicións o curso é unha temeridade xa que non se achegan as dotacións necesarias para protexer a saúde das e dos traballadores do sector nin do alumnado e por extensión das súas familias”, reza o escrito remitido ás direccións.