O Sindicato Labrego alega contra o proxecto mineiro de Avión e Beariz

Contaminación mineira no río Portapego ao seu paso por Touro (Salvemos Cabanas/Europa Press)
O Sindicato Labrego Galego (SLG) vén de presentar alegacións á solicitude da empresa Recurso Minerais da Galiza SA para levar a cabo un proxecto mineiro nos municipios ourensáns de Beariz e Avión, ao entender que "pon en perigo a vida da poboación local e a riqueza forestal e gandeira". 

A rede galega ContraMINAcción, que engloba colectivos en contra da minaría destrutiva, xa alertara da posta en marcha deste proxecto, denunciando que non conta coa preceptiva avaliación de impacto ambiental.

Segundo advirte a plataforma, os promotores do xacemento pretenden valerse da fragmentación artificial do proxecto para sortear o trámite ambiental, cando da memoria presentada pola empresa concesionaria se deduce "a intención de ampliar a explotación ao longo do tempo".

Tamén o sindicato sostén que a área que se pretende explotar, dunhas 60 cuadrículas mineiras, o que equivale a unhas 1.680 hectáreas, está "fragmentada de maneira fraudulenta para evitar presentar a avaliación de impacto ambiental".

Segundo denuncia a organización sindical, o proceso administrativo no que se tramita esta solicitude está "cheo de irregularidades", dado que os departamentos de Medio Ambiente e Enerxía e Minas da Xunta "ditaminaron que a empresa non ten que presentar un informe de impacto ambiental".

Fronte a esta conclusión, o SLG opón que ese informe "resulta preceptivo por lei", polo que avisa de que as Consellarías de Medio Ambiente e Industria "poderían incorrer nun delito de prevaricación e falsificación de documento público".