Un sindicato de enfermaría denuncia a publicidade sexista dun pub que usou o lema das mobilizacións de Verín

Clientela bebendo nun bar (Imaxe: Helena Lopes, Pexel).
Co lema "Non ao peche", empregado durante a loita da comarca de Verín pola reapertura do paridoiro, un pub verinés fixo un anuncio sexista dunha festa de Entroido, cunha imaxe cosificadora dunha muller que o sindicato SATSE denunciou.

"Non ao peche" foi un dos lemas máis empregados pola veciñanza da comarca de Verín para demandar a repartura da sala de partos e das urxencias pediátricas. Tamén pola cidadanía que apoiou a súa causa, que durante dous meses fíxose eco das protestas da poboación con mobilizacións ou en redes sociais. Hoxe, un bar da vila de Verín empregou ese mesmo lema para anunciar unha festa pola noite de compradres, xunto a oración "Xa mandaron pediatra. A indignación medrou nas redes non só pola banalización das mobilizacións sociais que supón, senón polo emprego cosificador da imaxe dunha muller nun uniforme que pretende remitir ao persoal de enfermaría.

Nos propios comentarios en redes sociais, varias usuarias animaron a presentar reclamacións ante o Observatorio de Imaxe das Mulleres, un organismo do Instituto da Muller para a Igualdade de Oportunidades. O sindicato de enfermaría Satse foi un dos primeiros en pronunciarse publicamente ao respecto, censurando a publicación do bar e reclamando a súa eliminación.

"Desde Satse levamos anos demandando a todo tipo de administracións públicas, institucións privadas, empresas e medios de comunicación que non recorran a este tipo de estereotipos retrógrados e sexistas cando se refiren públicamente as profesionais da enfermaría", anunciaron as súas integrantes nun comunicado.

O sindicato demanda a inmediata retirada do cartel machista publicado polo bar, así como que a persoa que o realizou se retracte publicamente. Do contrario, o Satse anuncia que levará a cabo as denuncias correspondentes, "comezando polo Observatorio da Muller". "A través deste tipo de imaxes que estas campañas lánzanse a sociedade, principalmente aos homes novos, unhas determinadas pautas de conducta nas relacións entre homes mulleres que lexitiman un trato agresivo e ofensivo, e polo tanto este sindicato loitará para a súa erradicación", continúa o comunicado.

As enfermeiras tamén se unen nas reclamacións de non minusvalorar os logros da cidadanía de Verín. "Que xa teñamos unha pediatra débese a súa loita", apuntan.