O sinclinal de Castro Dares, no xeoparque do Courel, afectado polo incendio de Ribas de Sil

Vista do sinclinal do Sil desde o xeomiradoiro Alto da Moa - As Fontes (Foto: Turismo Ribeira Sacra).
As altas temperaturas alcanzadas puideron danar unha zona de alto interese xeolóxico que non goza da protección de monumento natural. 

O lume que arrasou máis de 1.700 hectáreas nos concellos de Ribas de Sil, A Pobra do Brollón e Quiroga afectou á parte sur do xeoparque Montañas do Courel. Neste enclave, unha das zonas de maior interese castigada polas lapas foi o sinclinal de Castro Dares, en Quiroga, onde se ardeu parte da vexetación.

"É unha zona cun grande interese xeolóxico, pero non ten o grao de protección de monumento natural", puntualizou Martín Alemparte, coordinador do xeoparque. "O impacto que ten un incendio sobre unha estrutura xeolóxica non vai afectar á estrutura en si, formada fai millóns de anos", precisou.

Posíbeis alteracións

No entanto, non descarta que poida haber algunha dano "a nivel micro", xa que as rochas foron sometidas a "altas temperaturas". Neste sentido, advirten de posíbeis alteracións e degradación das rochas que poderían chegar a provocar desprendementos no lugar.

Aínda así, a cuarcita é unha rocha "moi dura" que tamén está exposta á erosión "noutras condicións climatolóxicas como a choiva ou a neve", engadiu o coordinador do xeoparque, desde onde apuntaron outros cambios producidos na paisaxe.

Ardeu parte do transcurso da Ruta do Ouro que percorre unha serie de miradoiros de Ribas de Sil e diferentes elementos patrimoniais catalogados en varias parroquias afectadas polo lume.

Con todo, Martín Alemparte destacou como positivo as primeiras conclusións dos técnicos de Lourizán que visitaron a zona arrasada polo incendio unha vez controlado. "Viron pouco risco de erosión. Hai piñeiros que polo tronco parece que non arderon dada a voracidade das lapas que ían saltando continuamente de copa en copa", comentou.

O sinclinal de Catro Dares

O pregamento de Castro Dares no sinclinal do Sil é un lugar de interese xeolóxico formado por capas de cuarcita do do Ordovícico hai máis de 300 millóns de anos, integrado no xeoparque mundial da Unesco Montañas do Courel. Máis de 570 km cadrados de superficie repartidos entre os concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel, cunha extensa rede de sendeiros e miradoiros ademais de cinco centros de interpretación.

Calidade das augas

Antes do incendio, o xeoparque tiña previsto iniciar uns traballos técnicos co Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME) para analizar a composición química da auga.

O lume obrigou a adiar as análises nalgún punto do río Lor como consecuencia do estado no que ficou a zona. Porén,  confían en que sexa "algo transitorio" e que axiña poidan confirmar "a boa calidade que se lle presupoñen a estas augas", comentaron.