Sinaturas contra o repagamento farmacéutico

[Imaxe CIG]

A campaña foi posta en marcha polo colectivo de xubilad@s e pensionistas da CIG que denuncia os prexuízos deste 'medicamentazo' para as persoas máis enfermas. 

 

Con esta iniciativa, desde o colectivo de xubilad@s e pensionistas da central sindical nacionalista quere lembrar as medidas aprobadas nos últimos anos polo Goberno de Mariano Rajoy e que, salientan, supoñen "un novo imposto á enfermidade". 

Neste senso, en senllas comparecencias de imprensa desenvolvidas por todo o país, a CIG denunciou as consecuencias que está a ter para @s doentes --nomeadamente idos@s-- a aprobación en abril de 2012 do re-pagamento nas medicacións e prestacións sanitarias. Para alén da retirada do financiamento público a unha listaxe de 400 fármacos de dispensación hospitalaria e que obriga @s pacientes a pagar o 100% do seu custe. 

“Ocúltase que o estado español dedica moito menos diñeiro que a media da unión Europea para a Sanidade Publica e ten resultados en saúde superiores á media”, afirmaron desde a CIG para denunciar que o Partido Popular argumente a súa política de recortes con mensaxes que falan dun "sistema sanitario insostíbel" ou na "suposta sobre-utilización dos servizos". 

Perante esta situación comezarán unha campaña de recollida de sinaturas e de socialización das súas reivindicacións entre a cidadanía. Pois, advirten, "moit@s pensionistas están a deixar de recoller os medicamentos prescritos" por non os poder pagaren. Isto supón, salienta o colectivo de xubilad@s e pensionistas da CIG, "un deterioro da súa saúde e un incremento do gasto", pois, “teñen que recorrer máis a urxencias e se producen máis ingresos hospitalarios”.