A comunidade educativa alerta do “desnorte” da Xunta nos libros de texto

CIG e Confederación de Anpas galegas, entre outros colectivos, avogan pola gratuidade universal dos libros e denuncian a “irresponsabilidade” da Consellería de Educación co modelo eleito.

 

O ‘Fondo de libros’ que a Consellería de Educación anuncia que vai implantar en graos de Primaria e de Eso non convence en absoluto á comunidade educativa, sexa profesorado ou familias de alumnado. Para a CIG-Ensino estamos perante unha Consellería “desnortada que segue sen garantir a gratuidade dos libros de texto para todo o alumnado, especialmente nun momento de crise económica, prexudica o funcionamento dos centros e carga de traballo administrativo o profesorado.  Nas decisións da Consellaría pesa máis o seu posicionamento ideolóxico que a marcha normal do sistema educativo”.

Tamén a Confederación de Ampas galegas fala de volver ao empréstimo universal de libros e denuncia a “irresponsabilidade” da Xunta. Advirte que as familias galegas non están dispostas a un investimento en libros que "poden facilmente convertirse en inútil se a lexislación educativa volve cambiar após as vindeiras eleccións xerais".

Este colectivo recomenda a todas as ampas que, a partir de agora, non participen na posta en andamento de ningún banco de libros, porque entenden que "estes son competencia exclusiva de la Xunta".