Cofundador de Noelia Bebelia

Simón Barcia: "As adegas galegas deben respectar a idiosincrasia da Galiza para crecer e darse a coñecer"

Noelia Bebelia produce viño na localidade de Soutomaior. (Foto: Nós Diario)

Simón e Noelia son dous viticultores do Concello de Soutomaior e fundadores da adega Noelia Bebelia. Acaban de gañar o Acio de Ouro á Denominación de Orixe Rías Baixas polo seu viño branco. Para eles, o obxectivo era “deseñar a plantación perfecta que exaltase as características da subzona de Soutomaior”. Os seus viños son xa moi recoñecidos en grandes mercados de Madrid e Barcelona, e compiten con  outros albariños galegos por ser o mellor viño.

-Que significa para unha adega como Noelia Bebelia recibir o Acio de Ouro á Denominación de Orixe Rías Baixas?

Por mor do coronavirus e para controlar as persoas que asistían á recollida de premias, nós xa sabíamos que estábamos premiado. Pero non sabíamos en que posición quedaramos. Entón, non foi tan sorpresa como podería ser noutros anos anteriores á pandemia, pero si que foi moi gratificante recibir o Acio de Ouro, por todo o traballo feito na adega. Ademais, ten máis valor porque Noelia Bebelia pasou por un ano complicado xa que a caída nas ventas alterou  bastante as previsións da adega. Por iso sempre é gratificante recibir un galardón así, que compensa os malos tragos comerciais que se pasaron.

-Cal foi a orixe de Noelia Bebelia?

Comezamos aló polo 2010 totalmente de cero. Nós somos un matrimonio, Noelia e máis eu, que nacemos no concello de Soutomaior. É unha zona histórica con gran tradición de albariños mais que realmente só producía a nivel local. Nos anos oitenta, cando comezou o auxe do viño albariño nas Rías Baixas, o maior crecemento víveo a zona do Salnés e O Rosal. Mentres, Soutomaior  quedou relegado a un plano moi secundario. A día de hoxe, Soutomaior pode representar pouco máis do un por mil de toda a produción das Rías Baixas.

Nós queríamos dar a coñecer a calidade do albariño de Soutomaior fóra do ámbito local. Decidimos emprender nun monte en mancomunidade veciñal e facer unha plantación. Non tiñamos moitas pretensións iniciais, pero unha vez fomos gañando experiencia no mundo do viño, comezamos no 2017 a recoller as primeiras uvas das vides que plantáramos no 2010.

-Que características diría que teñen os viños que produce a súa adega?

En Noelia Bebelia inténtanse reproducir do xeito máis fidedigno posíbel os viños característicos de Soutomaior. Está é a única área vitícola da Galiza onde conflúen dúas condicións singulares para a produción de viño: o mar e a montaña. Soutomaior é moi montañoso, e ao mesmo tempo está situado ao fondo da Ría de Vigo, polo que conta con moita influencia marítima. Iso implica baixa produtividade e moita influencia salina. Nós na adega non pretendemos elaborar viños con moita personalidade de autor. Estamos en contra dese concepto de viño de autor. Precisamente buscamos que a nosa acción inflúa o menos posíbel na expresión do territorio. Que sea o terreo e a climatoloxía anual a que expresen os matices do viño.

-Di vostede que o obxectivo é dar a coñecer o viño de Soutomaior. Pensa que comeza a ser mellor valorado fora do país que no concello?

Agora mesmo, a maior parte das nosas ventas divídense entre España e os mercados internacionais. Onde mellor se valoran? Fóra da Galiza. No país existe moita competencia entre os albariños. Nas grandes cidades e no corredor do Mediterráneo están moito mellor valorados. Á hora de que te valoren nos mercados internacionais, existe o tope imposto por ir baixo o paraugas da Marca España. O feito de que os viños doutras comunidades marquen o prezo máximo fai que se intentas vender un viño galego por riba dese prezo, os consumidores doutros países catalógano como sobrevalorado.

-Por onde pasa o futuro das pequenas adegas galegas?  

Eu non creo en pasos nin fórmulas milagrosas. Hai que ir pouco a pouco, traballar paseniño e sen querer abarcar demasiado. Con personalidade e honestidade. Respectar a idiosincrasia da Galiza, sen se meter en grandes proxectos, porque xa temos a calidade do viño, non é preciso cambiar para atopar algo que xa existe. Ese é o camiño, abrir novas portas mais sen présas.