Sigue en directo a XXXII Semana Galega de Filosofía

 

A XXXII Semana de Filosofía da Aula Castelao iniciuse esta segunda feira (6 de marzo) coa inauguración das xornadas por parte de Ana Regueira e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. 

O primeiro día estará centrado na reflexión filosófica sobre a sexualidade. Comezará cunha primeira palestra a cargo de Efigenio Amenzúa, da Universidade de Alcalá, baixo o título 'Sexus e Eros versus Locus genitalis'. Pola tarde, será o profesor de secundaria Xosé Luís Garrosa quen aborde os 'Costumes, mitos, ritos e tabús sobre o sexo na cultura galega tradicional' e finalmente na sesión de noite a antropóloga Dolores Juliano falará sobre 'O sexo de pago. Os discursos arredor da pornografía e a prosttución'. 

O persoal é político

A organización disponibilizou através da súa canle de Youtube a posibilidade de seguir en streaming as conferencias. Para facilitarmos a súa visualización embebemos a ligazón a seguir. 

Baixo o título 'Filosofía e sexualidade' desde a Aula Castelao queren "procurar colectiva e publicamente as ferramentas teóricas, conceptos e teorías que nos permitan" non só explicar e entender a sexualidade senón "desvelar mecanismos de opresión e imaxinar dinámicas de liberación ou emancipación individuais e colectivas", sinalou Eva Mouriño na presentación do programa da semana. 

Neste senso, desde a Aula de filosofía parten da premisa de que a sexualidade, lonxe de ser algo persoal ou privado, pertencente ao espazo íntimo, mantense fortemente influída polo "estado, as institucións, algo supra-individual. Razón pola que o extenso programa contará coa presenza de persoas que, coas súas voces, poñan de relevo "a realidade de territorios da sexualidade históricamente estigmatizados, excluídos ou marxinalizados como sucede coas identidades defendidas polos colectivos LGBT, coa prostitución, etc.". 

Programación

Ao igual que nas ocasións anteriores a Semana galega de filosofía xirará arredor de tres eixos que se corresponderán coas sesións de mañá, tarde e noite. Pola mesa de relatores e relatoras pasarán importantes nomes como Laura Bugalho --activista e sindicalista, Efigenio Amenzúa --editor da Revista española de Sexoloxía, María Victoria Carrera --profesora da Universidade de Vigo e colaboradora de Sermos Galiza, Dolores Juliano ou Román Gubern, entre outras moitas persoas. 

As temáticas que se abordarán xirarán arredor da sexualidade, a pornografía e a prostitución, entre outros asuntos. Podes consultar o programa completo e a disposición dos días premendo na seguinte ligazón.