#SG253: as rúas emendan o pacto social

Máis un número do semanario saído do prelo. Cláusulas chan, conflitividade laboral, festivais de verán, entrevistas a Xosé L. Rivas (BNG) ou Adolfo Araiz (EH Bildu), feches de centros de ensino... Todo isto, e máis, xa na nosa loxa.

A percepción social a respeito da banca sufriu unha fonda deterioración ao longo dos últimos anos como consecuencia de diferentes episodios que, en moitos casos, remataron xudicializados despois de que intervira a xustiza europea. O caso das preferentes, que mobilizou milleiros de afectadas e afectados, foi se cadra o máis sangrante, mais non o único. Velaí están as cláusulas chan, que ateigan hoxe os xulgados galegos. Contámoscho en ‘Hipotecas con chan de aceiro’.

 

Os últimos feches de centros de ensino decididos pola Xunta volven situar baixo o foco a situación do ensino público galego, que chega máis un ano ao novo curso con recortes. Todo a este respecto, neste número. Un semanario no que tamén falamos de como Galiza se sitúa á cabeza das emisións de gases de efecto invernadoiro por habitante a nivel estatal.

O plenario de En Marea e as posicións que están a tecer os diferentes sectores cara esta cita tamén son tema de tratamento neste número. Nomeadamente dun sector de Anova, que procura o desgaste de Luis Villares para facer sitio a Martiño Noriega. E entrevistamos Xosé L. Rivas ‘Mini’, deputado do BNG. “Feijóo é unha marioneta de Ence’, afirma.

 

Entrevistamos tamén Adolfo Araiz, portavoz de EH Bildu no Parlamento de Nafarroa e que estivo recentemente na Coruña para representar a esquerda abertzale no manifesto subscrito por seis forzas soberanistas contra os tratados de libre comercio. “Cos tratados de libre comercio non imos ter capacidade de decisión”.

 

Manuel Mera fálanos de como hai marchas que saben a regreso postergardo. O de Cristina Fernández Krichner é un retorno previsíbel e agardado. O polo progresista do peronismo tenciona reorganizarse arredor da súa principal figura.

Greves, paros, mobilizacións, protagonizaron en xuño a crónica laboral na Galiza. Feito conxuntural ou algo máis serio? Unha pregunta á que queremos dar resposta neste número de Sermos Galiza en ‘Emenda nas rúas ao pacto social’.

A escritora Eli Ríos cóntanos como concibiu a biografía de María Victoria Moreno na colección Mulleres bravas da nosa historia de Urco Editora. Entrevistamos a ourive Ana Martínez. Ana Rosetón, como se coñece no mundo do oficio, é hoxe unha das ourives de maior prestixio da Galiza.

 

Facemos un repaso polos principais festivais e eventos musicais desta tempada en Galiza. Hainos para todos os gustos e agroman por todo o país. ‘O país dos mil festivais’.

 

Ademais, as achegas e colaboracións de Xoán Costa, Pilar García Negro, Xavier Queipo, Nachortas, Tokio, Mario Regeuria, Andrés Castro, Luis P. Castelo...